'O Gran Camiño' volverá achegar o ciclismo profesional á Galiza

A segunda edición botará a rodar o 23 de febreiro 
Participantes na presentación da XX Volta Ciclista á Galiza, onte, na Cidade da Cultura en Compostela (Foto: Federación Galega de Ciclismo).
photo_camera Participantes na presentación da XX Volta Ciclista á Galiza, onte, na Cidade da Cultura en Compostela (Foto: Federación Galega de Ciclismo).

A Galiza acollerá a partir do 23 de febreiro do próximo ano 2023 a segunda edición da volta ciclista profesional galega, O Gran Camiño, un certame deportivo que percorrerá todo o territorio do país, segundo anunciou a organización do evento durante a súa presentación.

No acto, que tivo lugar no día de onte en Compostela, participou o promotor da carreira, Ezequiel Mosquera, quen destacou o papel do ciclismo e sinalou que "na estratexia turística global cada vez ten máis peso o deporte".

Deste modo, o que fora segundo clasificado na Volta Ciclista a España 2010 explicou que "en paralelo ao espectáculo deportivo está o espectáculo visual", e que "o que máis sorprendeu a todo o mundo na edición pasada foron as paisaxes". Ademais, subliñou que "é importante ligar o ciclismo á promoción do territorio".

A maiores, indicou que os detalles desta segunda edición da Volta Ciclista á Galiza, así como os roteiros e equipos participantes, se irán revelando "para a celebración do evento", no que se pretende "superar todas as cifras conseguidas" en 2022.

No primeiro Gran Camiño os deportistas percorreron máis de 530 quilómetros de territorio galego. Así, salientou o impacto que tivo a nivel mundial, con máis de 1,4 millóns de espectadores na canle especializada Eurosport e máis de dous millóns de impresións nas redes sociais.

O gañador foi o recentemente retirado Alejandro Valverde (Movistar), unha lenda do deporte que fechou un palmarés que inclúe 133 triunfos -incluíndo un Mundial, unha Volta a España, dúas Clásicas de San Sebastián ou cinco Flechas Valonas- con unha Volta á Galiza na que estivo flanqueado no podio por Michael Woods (Israel Cycling Team) e Mark Padun (Education First).

Comentarios