O XX ciclo Jazz no Principal levará a Pontevedra a Joan Terol e a Gorka Benítez

As sesións decorrerán o 6 e o 22 de abril e estarán acompañadas de xornadas formativas abertas á veciñanza

Luis Carballo e Eva Vilaverde, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luis Carballo e Eva Vilaverde, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

O Concello de Pontevedra presentou esta cuarta feira a vixésima edición do ciclo Jazz no Principal, coa súa fórmula de éxito que combina a música en directo, a profesionalización, o talento emerxente e a formación aberta a toda a cidade.

A programación inclúe para o sábado 6 de abril a actuación de Joan Terol e a banda de acompañamento do Seminario Permanente de Jazz, conformada por Alberto Rodríguez, Javier Abraldes, Daniel Corral e Paco Charlín.

O 20 de abril será a quenda de Gorka Benítez, acompañado por Helena Pardo, Luis Felipe Fernández, Fernando Blanco, Mauro Tissone, Jorge Ruiloba, Lolo Martínez e Alberto López.

Organizaranse dous talleres na mesma xornada que os concertos, ofrecidos por Terol e Benítez, no antigo conservatorio e sede do Seminario Permanente de Jazz, con entrada libre para todo aquel que queira acudir, entre as 11 e as 14 horas. Entregarase un diploma acreditativo a todos e todas as asistentes.

Un evento “único”

O ciclo Jazz no Principal está promovido polo Seminario Permanente de Jazz, en colaboración co Concello. A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, afirmou que esta actividade resulta "especialmente gratificante" para o Goberno local xa que se trata dun "ciclo clásico, que representa moi ben o espírito da Boa Vila, esa maneira de entender a cultura e a música, crear novas sinerxias e aproveitar as potencialidades que temos nesta cidade".

Vilaverde destacou que o que fai "único" este evento é que compaxina concertos con músicos consagrados co acompañamento do alumnado que se forma no Seminario Permanente de Jazz.

Esta entidade, engadiu, "funciona como a principal canteira deste xénero musical no país e de novos valores", polo que "estamos realmente orgullosas do seu traballo".

Comentarios