O novo Plan estratéxico fócase en cambiar a imaxe do complexo do Gaiás

A Xunta quere deixar atrás o debate político sobre a Cidade da Cultura

O novo Plan estratéxico da Cidade da Cultura xa foi aprobado polo Consello da Xunta, mais o seu contido segue sen ser público. Un "resumo executivo" dado a coñecer nos últimos días apunta á posibilidade de que os esforzos se centren nun lavado de imaxe do controvertido complexo.
Restaurante-cafetaría no Museo Centro Gaiás.
photo_camera Restaurante-cafetaría no Museo Centro Gaiás. (Foto: Cidade da Cultura)

“Malia o cambio experimentado, nos buscadores de Internet permanecen ben posicionadas informacións críticas de etapas anteriores, que trasladan unha imaxe obsoleta da Cidade da Cultura”. Así reza o “resumo executivo”  do novo Plan Estratéxico da Cidade da Cultura de Galiza, que aprobou o Consello da Xunta de Galiza o pasado 25 de novembro.

O Plan Estratéxico  foi encargado en xaneiro deste ano para o período 2021-2027, case tres anos despois de que rematase a vixencia do anterior, e o seu contido aínda non é público

As “informacións críticas de etapas anteriores” ás que fai referencia o documento parecen claras: desde que se comezou a construír, a CdC amoreu titulares sobre atrasos e sobrecustos, sobre paralizacións das obras e edificios novos, sobre desvíos de fondos e informes do Consello de Contas nos que se afirmaba que a Administración galega "abdicara das súas responsabilidades na xestión prudente e planificada dos fondos públicos". Porén, “o cambio experimentado” que cita semella máis un desideratum que unha realidade. E o propio Plan Estratéxico é unha boa proba: foi encargado en xaneiro deste ano para o período 2021-2027, case tres anos despois de que rematase a vixencia do anterior, e o seu contido aínda non é público, agás o que este resumo deixa albiscar.

Nada sobre o financiamento 

O primeiro que chama a atención no documento é a falta de mencións ao financiamento do complexo, especialmente despois de que a Xunta admitise as limitacións neste capítulo no momento en que o encargou. O resumo, porén, e a espera de coñecer a integridade do Plan, limítase a falar da “posta en marcha dun servizo de desenvolvemento de negocio que identifique novas posibilidades de financiamento, dinamice a colaboración público-privada e fomente a captación de recursos do sector privado “ e da “disposición dun asesoramento especializado de fondos europeos que identifique e xestione liñas de financiamento de distintos programas operativos”. Cómpre lembrar que só o custo do mantemento dos edificios do Gaiás se calcula nuns sete millóns de euros anuais

Non obstante, o resumo executivo do novo Plan saca peito en canto ás cifras e fócase no cuantitativo, lembrando que se desenvolveron máis de cinco mil actividades e que se recibiron máis de seis millóns de visitantes. Nada se di de como superar a falta de definición do proxecto e da imprecisión dos seus obxectivos -a crítica máis recorrente desde o sector, por detrás da censura pola desproporción dos gastos xerados- máis alá de especificar obxectivos como “desenvolver unha actividade e programación atractiva e xeradora de valor para a sociedade e o sector cultural e creativo”, “consolidar a Cidade da Cultura como rótula do sector cultural galego” ou “fortalecer o papel do Gaiás como un destino creativo e de relevancia turística”. Ponse o acento no resultado desexado, mais non na filosofía que rexerá as actuacións. 

Noutros aspectos, porén, o resumo si baixa ao detalle, especificando algúns dos problemas aos que se enfronta a Cidade da Cultura, como que “a frecuente meteoroloxía adversa é un factor limitante”, que “é deficiente a conexión de transporte público coa cidade de Santiago de Compostela: malas conexións e escasa frecuencia do transporte público”, ou que a sinalética interna debe mellorar “as indicacións sobre os itinerarios, espazos visitábeis, lugares de interese, puntos de acollida, servizos...”. 

Tamén se recoñece a repetida crítica que se lle vén apoñendo á CdC desde o inicio, cando admite desconexión coa cidade de Santiago e co sector cultural. "Unha grande parte do sector cultural percibe o centro cuns recursos maiores aos reais", di literalmente, sen facer referencia aos 350 millóns de euros que se levan gastados na súa construción, que talvez teñan algo que ver na percepción pública do proxecto.

O novo plan fai moito fincapé na imaxe que se traslada á sociedade

Contra a indefinición, propaganda

O documento recoñece, en xeral, que “o Gaiás non é un centro cunha actividade única cultural, senón que abrangue outras funcionalidades que fan que o seu recoñecemento como centro cultural sexa ás veces confuso”, e que “as novas relacionadas con usos alternativos e todo o que ten que ver con traballadores da Administración no complexo lastran a súa imaxe”. 

En consecuencia, o novo plan fai moito fincapé na imaxe que se traslada á sociedade. Sinala, por exemplo, a necesidade “de reforzar unha identidade recoñecible, conectada coa Xunta de Galiza, máis identificábel pola sociedade como propia da Cidade da Cultura, apostando sempre por unha comunicación e ton cultural fronte a un estilo e ton administrativo”. Precísase, di, un rebranding da marca ‘Cidade da Cultura’, un novo plan de comunicación que reflicta “a nova etapa e realidade do Gaiás” e “unha estratexia definida de posicionamento en buscadores da nova marca”. Tamén se menciona a “creación dun plan de comercialización do Gaiás a nivel turístico”. 

Existen ideas concretas que poderían axudar a darlle un sentido ao coloso do Gaiás, como o chamado 'Proxecto Ollándonos' destinado a " preservar, valorar e difundir" o " amplo volume de coleccións e legados artísticos" existentes na Galiza. Mais o groso dos esforzos parece estar moi volcado en subliñar a aparición dunha "nova etapa" que permitiría esquecer todos os escándalos que rodearon a construción e desenvolvemento da Cidade da Cultura nun "pasado" que se dá por superado.

Só para o vindeiro 2022 está previsto o investimento de case seis millóns de euros máis, destinados na súa maioría a levantar un edificio de 1.500 metros cadrados que acollerá o Centro de Ciberseguridade de Galiza

As obras continúan no Gaiás

Malia que a Xunta deu por rematadas as obras do complexo o pasado novembro, tras a finalización do Edificio Fontán, a realidade é que as obras na Cidade da Cultura continúan. Só para o vindeiro 2022 está previsto o investimento de case seis millóns de euros máis, destinados na súa maioría a levantar un edificio de 1.500 metros cadrados que acollerá o Centro de Ciberseguridade de Galiza -outra das funcionalidades alleas á cultura que o resumo do Plan apunta como un elemento que "lastra a imaxe" da CdC. Ademais, en 2022 tamén comezaran outras obras de acondicionamento de espazos para usos culturais (en edificios que supostamente xa se construíron con esa función) que suporán un gasto de 4,5 millóns de euros ata 2024, e intervencións de mellora do dos accesos.

Comentarios