A Cidade da Cultura aínda non alcanza as previsións de visitas que tiña para hai dous anos

A Xunta prevía alcanzar o medio millón de persoas no Gaiás en 2012, pero as cifras de 2014 seguen sen chegar a esa cifra, ademais de desvelar que non exerce ningún tipo de efecto chamada sobre o turismo, que apenas se despraza até o complexo.

photo_camera Cidade da Cultura

En 2011, co faraónico proxecto de Manuel Fraga -polo tanto do PP- con menos dun ano en funcionamento, a Xunta de Galiza de Alberto Núñez Feijóo -tamén do PP- avanzou as súas previsións de visitas á Cidade da Cultura para 2012: medio millón de visitantes. Unha cifra moi afastada dos tres millóns que pode alcanzar a Catedral de Compostela, e xa non se diga das dun dos “dez principais museos do mundo”, como profetizaba Iribarne que sería o deseñado por Peter Eisenman. Pero nin con esa modestia. Nin en 2012, nin en 2013 nin en 2014 a moi cara infraestrutura do Gaiás convocou a medio millón de persoas. Segundo as cifras facilitadas pola propia Conselleira de Cultura, 448.201 visitas recibiu a Cidade da Cultura o ano pasado, algúns máis que o anterior (370.000) pero lonxe dos números esperados e cuns gastos inmensos ás costas. 

En catro anos o Gaiás apenas alcanzou os visitantes que tivo o Guggenheim no ano de apertura

Non alcanza aínda o complexo do Gaiás as expectativas depositadas para hai dous anos e mira con moita distancia os dous millóns de visitantes en catro anos de existencia, algo que por exemplo o Guggenheim de Bilbo no que se inspirou conseguiu en apenas ano e medio. Pero, en función da dinámica turística, o que na capital biscaíña é efecto chamada en Santiago é efecto rexeitamento, posto que a maioría dos que visitan a cidade non se moven até a Cidade da Cultura, como proban as cifras. 

Cada visitante pode custarlle á Xunta uns 22 euros

Este fracaso -malia o entusiasmo co que a Xunta fala do ascenso no número de visitantes- supón a maiores un importante custo ás arcas autonómicas en tempos de crise económica e recortes en servizos públicos, para alén do protestada que é a infraestrutura desde o propio sector cultural. Así, aplicando as cifras que manexa a voceira de Cultura do BNG no Parlamento de Galiza, Ana Pontón, se cada día o Gaiás custa 27.000 euros do peto d@s galeg@s, resulta que por cada visitante a Xunta gasta como mínimo máis de 22 euros, en cifras redondas, xa que o retorno de ingresos que xera o espazo é mínimo e residual en comparación cos investimentos que precisa a diario. E isto sen ter en conta a catarata de millóns da súa construción. “Un dispendio”, definía a propia deputada en outubro a situación. 

Comentarios