A Xunta e o Concello da Coruña gastaron máis de 300.000 euros en patrocinar o concerto de Rosalía

O concerto da artista catalá Rosalía, que decorreu o 29 de xullo na cidade da Coruña, segue a dar que falar. Só en contratos de patrocinio, a Axencia de Turismo da Galiza gastou máis de 200.000 euros. Unha cantidade á que se lle suman os 100.000 do Consorcio de Turismo da Galiza.

A cantante Rosalía, na actuación da Coruña (Isaac Buj / Europa Press)
photo_camera A cantante Rosalía, na actuación da Coruña (Isaac Buj / Europa Press)

Unha das actuacións musicais máis agardadas do verán foi a da cantante catalá Rosalía no Coliseum da Coruña. Un concerto que congregou máis de 8.500 persoas o pasado 29 de xullo.

A Axencia de Turismo da Galiza pagou, nun contrato de patrocinio publicitario para a promoción turística neste concerto e no do cantante británico James Blunt, 272.250 euros. Realizouse a través dun contrato privado con negociación, sen publicidade, coa empresa radicada en Vigo Sweet Nocturna S.L.N.E.

A estes máis de 272.000 euros, con IVE incluído, súmanse os 100.000 euros, con IVE, do contrato do patrocinio “coa presenza e imaxe” do Consorcio de Turismo e o Concello da Coruña no concerto de Rosalía.

As entradas especiais ascendían a 297 euros

O recital da afamada cantante contaba coa opción dos chamados pases VIP -con asento premium-, a un prezo de 297 euros. En pista, o prezo das entradas eran de 81,50 euros e no anfiteatro oscilaban entre os 59 e os 93 euros.

O concerto de Rosalía recalou na Coruña no marco da xira Motomami World Tour, que arrancou en Almería o 6 de xullo, e estivo patrocinado polo Concello coruñés, a través do Consorcio de Turismo, e da Xunta, a través da Axencia de Turismo, co Xacobeo.

A da Coruña foi a única parada da artista na Coruña e enmarcouse na aposta do Concello de situar a urbe no circuíto das “mellores xiras internacionais” e no “compromiso de recuperar a celebración de grandes eventos culturais na cidade”.

Comentarios