A Xunta adxudica un contrato privado de 300.000 euros a 'La Razón' e 'Antena 3' para promocionar o Xacobeo

Estes medios incumpren o disposto na Lei de normalización lingüística, que di que o Goberno galego prestará apoio económico ás radios, televisións e xornais "que usen o galego de forma habitual e progresiva".
O presidente da Xunta e responsábel da carteira de Turismo, Alfonso Rueda, nun acto de promoción do Xacobeo en Madrid o pasado ano. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera O presidente da Xunta e responsábel da carteira de Turismo, Alfonso Rueda, nun acto de promoción do Xacobeo en Madrid o pasado ano. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

A Axencia de Turismo da Galiza adxudicou o pasado 6 de maio un contrato privado de patrocinio publicitario ao grupo Audiovisual Española 2000 SA, propietario de medios como La Razón, Antena 3 ou Onda Cero.

O contrato foi outorgado polo procedemento negociado sen publicidade e por exclusividade —isto é, sen convocatoria pública—, e ten por obxecto "promocionar Turismo da Galiza a través da difusión do proxecto 'Deixa a túa pegada en Galicia'".

O importe deste contrato privado de publicidade ascende a 300.000 euros, IVE incluído, unha contía que se reparte entre o xornal La Razón, a canle de televisión Antena 3 e a emisora de radio Onda Cero, medios para os que organiza diferentes accións publicitarias e xornalísticas.

Cómpre lembrar a respecto desta adxudicación que a Lei de normalización lingüística da Galiza estabelece, no seu artigo 19, que o Goberno galego "prestará apoio económico e material aos medios de comunicación non incluídos no artigo anterior [artigo 18, sobre os medios de titularidade pública] que empreguen o galego dunha forma habitual e progresiva".

Malia que a lingua propia do país brilla pola súa ausencia en Antena 3 e La Razón, a Axencia de Turismo, que depende en última instancia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avoga por patrocinar o Xacobeo e a propia Galiza a través destes medios.

Nós Diario, excluído

Esta adxudicación chegou só uns días despois de que Sermos Galiza SA, editora de Nós Diario, recibise a notificación da secretaría xeral de Medios de que esta publicación ficaba excluída, outro ano máis, da liña de axudas á prensa.

A resolución, asinada o 3 de maio pola ex secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra, acorda "denegar a axuda económica á empresa Sermos Galiza, SA, para a publicación Nós Diario, por non tratarse dun xornal impreso e distribuído diariamente".

Comentarios