Xulia Marqués Valea divulga a toponimia da Pontenova nun libro

O traballo A toponimia da Pontenova editouno a Real Academia Galega (RAG) dentro da súa colección Terra Nomeda. Está dispoñíbel de balde na páxina web da institución.
A filóloga Xulia Marqués Valea (RAG)
photo_camera A filóloga Xulia Marqués Valea (Foto: RAG)

A Real Academia Galega (RAG) vén de publicar o libro A toponimia da Pontenova, un novo traballo da filóloga Xulia Marqués Valea que recolle todas as entidades de poboación deste municipio tal como figurarán na vindeira edición do Nomenclátor da Galiza.

Esta doutora especialista en toponimia con ampla experiencia en estudos etimolóxicos, recollida de campo e didáctica da onomástica, engade este volume ao que xa publicara sobre o seu concello natal, Trabada

Topónimos únicos na Galiza

Algúns dos topónimos analizados son únicos en toda a Galiza. É o caso de formas como Neipín, O Puiteiro ou Brandiz. Esta última, que dá nome a un lugar da parroquia de Conforto, está emparentada coa galega e portuguesa Brandariz, non ofrece moitas dúbidas sobre a súa orixe, probabelmente un nome de persoa de orixe xermánica. 

Para Neipín, lugar da parroquia de Vilaboa, non hai polo momento unha hipótese etimolóxica definitiva, mais esta filóloga formula dúas vías interpretativas, unha baseada tamén na antroponimia e outra na orografía da zona.

Na primeira, Neipín derivaría dun hipotético nome persoal de procedencia latina (Naepinus). Para o suposto inspirado nas características do terreo, a filóloga afirma que podería referirse a un sitio protexido, abrigado.  

O Puiteiro parece que contén o substantivo outeiro. "Posibelmente estea emparentado co apelativo piouteiro que figura entre o léxico do galego de Asturies co significado 'lugar máis alto con respecto aos terreos que están arredor', apunta a autora. 

O libro, editado na colección Terra Nomeada, pode descargarse de balde en versión dixital na sección de publicacións de academia.gal.

Comentarios