Piden á RAG un Día das Letras a Darío Xohán Cabana antes dos dez anos do seu falecemento

‘Lugo Sempre’ formalizará en breve a petición e que se faga unha “excepción” ao tempo que ten que pasar, 10 anos, para homenaxear un autor o 17-M.

Darío Xohán Cabana no verán de 2019. (Foto: Jose Aragunde / FTT)
photo_camera Darío Xohán Cabana no verán de 2019. (Foto: Jose Aragunde / FTT)

A asociación cultural e observatorio político 'Lugo  Sempre' pedirá á Real Academia  Galega que "faga unha excepción" e dedique proximamente o Día das Letras  Galegas ao escritor e académico, Darío  Xohán Cabana, falecido a pasada semana tras unha longa enfermidade no seu domicilio de Lugo.

O presidente de 'Lugo  Sempre', Agustín Gallego, puntualizou que "unha vez pasada a traxedia" da perda do autor de Cospeito solicitarán por carta que "non teñan que pasar" os dez anos desde a morte dun escritor para poder ser protagonista do 17 de maio.

Gallego reivindicou a "gran figura cultural e literaria" que atesouraba Darío Xohán Cabana. "A día de hoxe creo que non se lle dá o valor que se lle ten que dar, aínda que parte da sociedade si. O legado que nos vai a deixar é moi importante", sinalou.

Así, concretou que a petición formal á RAG aínda non foi formulada, aínda que se lle fará chegar a través dun escrito para que conceda unha excepción á "regra non escrita" que establece que deba pasar polo menos unha década desde a perda dun autor para que se lle dedique o Día das Letras.

"Esperamos que se faga unha excepción, aínda que somos conscientes que teñen que pasar uns anos para que sexa así, pero nós ímolo a tentar", manifestou.

Darío Xohán Cabana foi un clásico no sentido clásico. Escribiu sonetos e traduciu a Dante en tercetos encadeados. Erixiu novelas como torres que sinalan un camiño e poemas como cervos que baixan a beber nas fontes. Darío Xohán Cabana deixounos coa discreción de que sempre fixo gala, malia ser o autor dunha obra dun valor extraordinario. 

Home e terra foi o revelador título da súa primeira obra, en 1970. A partir de aí, seguiron máis de corenta títulos de poesía, narrativa, relatos, ensaios, obras para a mocidade... Aquela pulsión patriótica levouno a explorar desde o literario a historia do país -O cervo na torre, Morte de rei-, a mitoloxía ancorada na materia de Bretaña -Galván en Saor- ou a narración popular entretecida con mitos e lendas -Fortunato de Trasmundi. A súa visión da literatura tiña moito da fantasía cunqueirana, mais tamén do pragmatismo político do seu grande amigo e mentor Xosé Luís Méndez Ferrín.

Académico desde 2006 -o seu discurso de ingreso titulouse De Manuel María a Ferrín: a grande xeración- sempre foi recoñecido como un ourive da lingua, un auténtico mestre no emprego dun idioma que coñecía á perfección e non deixou de estudar nunca. 

Comentarios