Cultura

Xoán Montes, unha pegada na galeguidade

Repasamos a importancia do compositor lucense polo 180 aniversario
O busto de Xoán Montes, actualmente en restauración, terá a súa nova localización na praza Maior de Lugo.
photo_camera O busto de Xoán Montes, actualmente en restauración, terá a súa nova localización na praza Maior de Lugo.

"Se Xoán Montes nacese en Viena, probabelmente tería acadado outro recoñecemento, mesmo a nivel internacional", así subscribe Luís Costa, musicólogo e profesor da Universidade e do Conservatorio de Vigo, a afirmación do estudoso Xosé López Calo cando publicaba a práctica totalidade da obra do compositor. Pero tocoulle nacer en Lugo, cidade da que apenas saíu nos seus 59 anos de vida e na que, segundo apunta Costa, "o foi todo no século XIX": organista da catedral, creador do primeiro orfeón, fundador da banda municipal, pianista no Círculo das Artes, mestre... Aínda cos condicionantes da pertenza á periferia e dunha formación principalmente autodidacta, foi un músico de "gran talento" que deixaría "unha obra bastante ampla en relación ás circunstancias", explica o docente.

O valor do seu legado ten dúas dimensións: unha real e outra simbólica. A primeira materializase en pezas moi concretas, que non son especialmente numerosas. Para alén da famosa "Balada Galega" -adaptación do poema de Rosalía "Negra sombra", adoptando popularmente o nome do primeiro verso- atópanse outras como a "Alborada galega" ou as muiñeiras para orfeón, que tiveron tamén un grande impacto. Como aconteceu coa figura de Pascual Veiga, fundamentalmente coñecida pola composición do himno, Montes recibe sona por algúns traballos sinalados que acadaron un "alto nivel de representatividade" grazas á divulgación dos orféons ou das bandas de música, nas que se converterían case en obras de obrigada interpretación. A partir de aí, as Irmandades da Fala e o galeguismo político dos anos 20 e 30 do século XX colocaron Montes xunto a Veiga ou Chané no "Panteón dos músicos ilustres", empregando o seu legado para conformar o "relato da galeguidade a través da música", nese valor simbólico que refire Costa. Porén, coa chegada da ditadura a súa obra, como toda diferenza identitaria, ficaría reducida á óptica do folclorismo.

Un legado esquecido

A figura de Montes permanecería até os anos 90 no esquecemento. Mostra disto é a sintomática anécdota da presenza da súa "Balada Galega", interpretada por Luz Casal e Carlos Núñez, na banda sonora do filme Mar Adentro, de Alejandro Amenábar, sen que o seu nome figure nos créditos por ningures.

Foi nos últimos 30 anos que se ten rescatado especialmente a súa figura, grazas ao traballo de autores como Juan Bautista, quen asina unha das obras máis completas sobre este compositor lucense, explica Costa. Un punto de inflexión chegou co congreso organizado en Lugo polo centenario da súa morte.

Costa sinala ademais os propios avances na normalización da musicoloxía como outro factor que contribúe ao incremento de estudos de investigación arredor do seu legado. El mesmo levou a cabo a súa tese arredor da conformación da galeguidade a través da música, na que a de Montes é unha "achega ineludíbel". Neste senso, apunta Costa que se produciu na Galiza un fenómeno semellante ao da pintura que, aínda que menos coñecido na actualidade, resultou dun impacto moito maior, pois a música chegaba e influía moitas máis persoas.

Comentarios