O Womex comeza na Coruña lembrando a pegada de Picasso e con 60 artistas de 47 países

O evento musical que decorre na Coruña está considerado como o encontro musical máis diverso do mundo.
Baiuca actúa o 17 no Parrote.. (Foto: Elisabet Encina)
photo_camera Baiuca actúa o 17 no Parrote. (Foto: Elisabet Encina)

Considerado o encontro musical máis diverso do mundo, o Womex (Worldwide Music Expo) inaugurou esta cuarta feira a súa edición número 29 na Coruña. Máis de 3.000 persoas profesionais relacionadas coa música de raíz, étnica, tradicional, jazz, sons urbanos e electrónicos e o folk ateigarán a cidade nun evento que arriba á Galiza por terceira vez, despois de dúas edicións en Compostela, en 2014 e 2016. O Womex é desde os seus comezos un gran congreso da música de raíz que mantén  unha liña moi vinculada á identidade dos pobos.

60 artistas de 47 países

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, procederon á apertura dun evento que comezou cun espectáculo dedicado a Picasso -Resounding Picasso: Celebrating The Master's Journey- no que actuaron bandas e artistas dos territorios que marcaron a vida do pintor: o Niño Josele, de Andalucía, onde naceu; Caamaño & Ameixeiras da Galiza, onde iniciou a súa andaina artística e inaugurou a súa primeira exposición; e Karmento e Torta Relena, de Cataluña, onde conectou coa vangarda europea.

O Womex contará coas actuacións de máis de 6o artistas de 47 países. Entre eles, Jausmé, Mouvman Alé, Ánnámáret, Livia Mattos, Magalí Sare & Manel Fortià, Neomak, Kin'Gongolo Kiniata, DeefMaa MaaDef, Danûk, Aleph Quintet ou Rodrigo Sosa y la Quenistica.

Palexco (Palacio de Exposicións e Congresos), o Pazo da Ópera, O Parrote, o Teatro Colón, o Teatro Rosalía de Castro, a sala Pelícano, o Playa Club e a Filmoteca acollerán durante cinco días actuacións de países como Bélxica, Estados Unidos, Dinamarca, Francia, Italia, Líbano, Polonia, Finlandia, Suráfrica, Portugal ou Venezuela. Representando a música galega estarán Ailá, Trilitrate, Caamaño & Ameixeiras e Baiuca.

Pero ademais, Womex impulsa un foro de debates onde se tratarán temas como a Intelixencia Artificial na industria musical, a sustentabilidade dos festivais, as linguaxes indíxenas, as novas perspectivas de xénero no xornalismo musical ou o funcionamento dos algoritmos nas plataformas dixitais.

Pola súa parte, a Filmoteca proxectará, esta quinta feira ás 20 horas, La Singla, documental da directora Paloma Zapata sobre a coñecida bailaora flamenca. Mañá, o programa de cine do Womex proseguirá coa produción Kite Zo A, de Kaveh Nabatian, e rematará o sábado 28 coa película Ethiopiques Magnetic Suite, produción de 2023 de Stéphane Jourdain.

Comentarios