Unha webserie documental explora a Rede de Museos de Lugo

O obxectivo fundamental do proxecto é amosar os contidos materiais e emocionais dos museos a través dunha historia de ficción, así como documentar a historia e o patrimonio. 
Presentación de 'Un ronsel de futuro'.
photo_camera Presentación de 'Un ronsel de futuro'.

Un ronsel de futuro, historias soterradas é unha webserie documental realizada a partir do 15º aniversario da Rede Museística de Lugo, dependente da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A serie percorre os catro museos da Rede: Museo do Mar (San Cibrao, en Cervo), Museo-Fortaleza San Paio de Narla (Friol), Pazo de Tor (Monforte) e Museo de Lugo, a través dos artistas, colectivos e asociacións vencelladas á propia rede. 

O filme trata de achegar toda a inmensidade dos catro museos. O obxectivo fundamental do proxecto é amosar os contidos materiais e emocionais dos museos a través dunha historia de ficción, así como documentar a historia e o patrimonio. 

A produtora Señor López, da man dos creadores Brian Rodríguez e Rubén Pérez, leva a cabo este proxecto, no que participan a propia xerente da institución Encarna Lago, artistas como Mónica Alonso e varias persoas célebres na sociedade luguesa, e conta coa colaboración do Club Sénior do Museo do Mar, o Grupo de Teatro Antas de Ulla (A Ulloa), o Espazo Lupa así como o Colexio Público de Antas. 

A webserie viaxou a diferentes localidades como O Cebreiro (Os Ancares), Foz (A Mariña) ou Samos (comarca de Sarria) así como aos propios museos. 

Logo de presentar o proxecto nos Cines Númax, no Culturgal e en Bos Aires, a serie presentarase nas vindeiras semanas en varias comarcas, cun formato espectáculo. Así, o día 27 de decembro estará na Casa da Cultura de Monforte ás 20 horas e o día 28 no Centro Sociocultural de Bóveda ás 11.30 horas, ambos concellos da Terra de Lemos. 

A trama 

Braulio acaba de saír do cárcere logo de cumprir unha condena por facer grafitis de dinosauro no patrimonio. Para poder saír de Bonxe (Outeiro de Rei) acepta un titor, Alexandre, que cunha metodoloxía moi peculiar faralle ver a necesidade de realizar esta webserie documental sobre a Rede Museística como parte da súa reinserción na sociedade. Co paso dos capítulos, todo encaixará na cabeza de Braulio.
 

Comentarios