Rematan as obras de conservación no Pazo de Tor

O obxecto central da restauración foi o escudo de mármore branco que ocupa a parte central do muro, que estaba visibelmente afectado polas inclemencias meteorolóxicas e por unha capa de restos biolóxicos adheridos á superficie. 
Pazo de Tor.
photo_camera Pazo de Tor.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo, Maite Ferreiro, visitou onte o Pazo de Tor, en Monforte de Lemos, tras os traballos de conservación e restauración realizados en elementos arquitectónicos e obras pictóricas do museo, que forma parte da Rede Museística Provincial de Lugo. 

A intervención no edificio realizouse no muro perimetral, que dá acceso ao característico xardín-labirinto de Tor, corrixindo os desprendementos e retirando a cuberta vexetal dalgunhas zonas. O obxecto central da restauración foi o escudo de mármore branco que ocupa a parte central do muro, que estaba visibelmente afectado polas inclemencias meteorolóxicas e por unha capa de restos biolóxicos adheridos á superficie. 

O tratamento conseguiu devolver o escudo á súa materialidade e facilitar a lectura dos elementos que o compoñen, identificativos das armas dos Varela -linaxe ligada á propiedade do Pazo-.

No tocante ás pinturas, realizouse unha intervención de conservación e restauración en dezaseis cadros expostos en distintas salas do Pazo, parte da colección artística que, xunto ao mobiliario e enseres domésticos, se incluíron na doazón do edificio para o patrimonio público por parte da súa última propietaria María de la Paz Taboada de Andrés e Zúñiga. 

Trátase, fundamentalmente, de retratos de membros da nobreza e da xerarquía eclesiástica e iconografía relixiosa, en óleo sobre lenzo e óleo sobre cobre, datados nos séculos XVIII  e XIX, de autoría e escolas diversas. Os traballos,  encamiñados á conservación dos materiais orixinais e da información que conteñen, desenvolvéronse tanto nas pinturas como nas molduras dos cadros. 

A vicepresidenta valorou "as intervencións realizadas para conservar e pór en valor este ben patrimonial, unha das mostras máis importantes da arquitectura pacega galega un dos poucos que se pode visitar completamente musealizado, coas estancias, o mobiliario e as coleccións artísticas que atesourou á propiedade durante séculos" e explicou que "ao longo destes últimos anos vimos impulsando pequenas reformas e intervencións de restauración nos distintos museos de titularidade provincial para garantir a súa protección e reforzar a súa posición como espazos culturais e de coñecemento e estudo".

Comentarios