Vigo acolle o Concerto das Letras Galegas, que homenaxea a Fernández del Riego

A Real Filharmonía de Galicia, dirixida por Maximino Zumalave, e o Coro de Cámara Rías Baixas interpretarán un programa en que destacan a estrea de Sinfonietta, peza en tres movementos elaborada expresamente para a ocasión por Brais González Pérez (Vigo, 1987) a partir de textos de Salvador García Bodaño e Xaime Isla Couto.
Zumalave á fronte da Real Filharmonía de Galiza.
photo_camera Zumalave á fronte da Real Filharmonía de Galiza.

O Consello da Cultura Galega, coa colaboración de AFundación, e o Consorcio de Santiago organizan hoxe en Vigo a décimo terceira edición do Concerto das Letras Galegas (Teatro Afundación Vigo, 20.30 horas), que este ano honra a memoria de Francisco Fernández del Riego. 

A Real Filharmonía de Galiza, dirixida por Maximino Zumalave, e o Coro de Cámara Rías Baixas interpretarán un programa en que destacan a estrea de Sinfonietta, peza en tres movementos elaborada expresamente para a ocasión por Brais González Pérez (Vigo, 1987) a partir de textos de Salvador García Bodaño e Xaime Isla Couto, e mais A miña burriña, peza moi querida por Fernández del Riego. O concerto poderá seguirse en directo desde o web do CCG, nas redes sociais da institución e na segunda cadea da TVG no Día das Letras Galegas. 

É a segunda vez que o Concerto das Letras Galegas recala en Vigo, cidade onde en 2021 se celebrou a homenaxe a Xela Arias. Nesta ocasión a Real Filharmonía de Galicia poñerá música a un programa que percorre a biografía do homenaxeado da man de grandes compositores consagrados: fai un aceno, por unha banda, aos tempos do Seminario de Estudos Galegos e ao exilio republicano (Xesús Bal e Gay, Lugo, 1905 – Torrelaguna, 1993) e, por outra, á música de raíz tradicional que formou parte da paisaxe sonora nas terras meridionais en que se asentou o noso homenaxeado (Reveriano Soutullo, Ponteareas, 1880 – Madrid, 1932).

Cristina Domínguez, membro do Plenario do CCCG, será a encargada de dar a benvida a unha cita que arrincará cunha peza moi especial para a tradición viguesa, xa que La leyenda del beso de Reveriano Soutullo Otero foi a música de apertura da programación de Radio Vigo durante moitos anos.

Deseguido interpretarase Concerto grosso, escrito en homenaxe a Bach por Xesús Bal e Gay, nunha clara conexión entre o papel de Del Riego e o que se estaba a escoitar naquel entón.

A terceira peza é unha obra, Sinfonietta, composta polo vigués Brais González, por encarga do CCG, a partir de dous poemas dedicados a Del Riego escritos por Salvador García-Bodaño ("Cabeleira de néboas") e polo seu compañeiro e cómplice Xaime Isla Couto ("Corazón do país").  

Comentarios