Contracultura

Brais González: "Encantaríame poder levar a ópera á Serra do Courel, porque é de onde saíu todo"

Brais González, pianista e compositor, vén de estrear a súa primeira ópera no 55 Festival delle Nazioni de Città di Castello (Italia). González fala de 'Loba Branca', esta obra que pretende render homenaxe á lenda da Serra do Courel e que logrou emocionar o público italiano a través dunha, como el di, “lección de vida, o respecto a natureza e a relación entre os animais e os seres humanos”.
O compositor Brais González inspirouse na lenda da loba branca para crear a ópera que presentou en Italia. (Foto: Blas González)
photo_camera O compositor Brais González inspirouse na lenda da loba branca para crear a ópera que presentou en Italia. (Foto: Blas González)

—Como xorde a encarga de Loba Branca?
Cada ano o festival está dedicado a un país distinto e encárgase unha obra de nova estrea a un compositor dese país en concreto. O director do festival tivera unha alumna que fixera un erasmus en Vigo e que me coñecía. Cando lle pediu a ela algunhas recomendacións de compositores do Estrado e novos, entre outros nomes, dixo o meu e na dirección do festival gustou o meu traballo.

—Por que adaptar esta lenda do Courel?
Quizais non é o motivo máis poético. Desde o festival deixáronme claro como ía ser o corpo escénico: uns músicos moi concretos, un coro, un narrador e dúas solistas femininas. Ademais, querían que fora unha historia tradicional de calquera punto do Estado.

Eu tiña claro que ía ser algo galego, pero realmente é moi complicado atopar unha lenda onde unha das dúas personaxes non sexa masculina. Antes de coller unha historia e cambiala, decidín facer unha busca de información. Esta era fantástica porque ten unha loba e unha meiga, e ademais unha manda de lobos e uns aldeáns que encaixaban co coro. Por outra parte, teño familia no Courel e sempre sentín ese cariño cara a serra. A loba branca ao final é unha lección de vida, o respecto á natureza e á relación entre os animais e os seres humanos.

—Para a estrea houbo que traducir algunhas pasaxes ao italiano. Como foi o proceso?
O libreto fíxeno integramente en galego, adaptando a lenda orixinal porque tal e como está recollida ten algúns problemas de forma narrativa e de estrutura como para encher unha ópera que neste caso era de máis dunha hora e media. Eles querían facer unha tradución total ao italiano, mais eu por respecto ao texto orixinal e como homenaxe a Galiza, ao galego e ao Courel forcei un pouco a máquina.

O resultado foi unha mestura das dúas linguas. Foi un traballo incríbel por parte da persoa que fixo a tradución porque non é nada sinxelo facer que os textos poéticos lírico-musicais cadren exactamente coas mesmas notas e melodías que eu deixara escritas en galego. Hai un traballo de comprender o texto e o fondo da historia e, de feito, o tradutor comentábame que nunca lle fora tan sinxelo traducir ao italiano desde un idioma romance como no caso do galego. Son linguas moito máis achegadas que, por exemplo, o español.

—Como foi a acollida do público?
Fantástica. Xustamente esta rexión, Umbría, é unha das poucas no centro de Italia onde hai lobos e, polo tanto, existe tamén a problemática que temos na Galiza e no norte de España en xeral: hai quen defende o lobo e quen o ataca. Vin moita xente chorar e é algo que me enche de orgullo, saber que a historia funcionou tan ben. Porque xa non falo da miña música, senón desta lección sobre como temos que comportarnos coa natureza. Por suposto tamén sinto moito orgullo do traballo das solistas, do narrador tan fantástico que facía de cazador e que se meteu no papel dunha forma incríbel e de todo o mundo en xeral. Foi un traballo fantástico.

Loba Branca chegará a Galiza?
A pregunta do millón. En Italia si que parece que vai ter algo máis de percorrido e, se todo vai ben, representarase algunha vez máis. Evidentemente, este traballo é algo que me fixo moitísima ilusión, nunca pensei ter traballado nunha ópera nestas alturas da miña vida porque pode chegar a ser moi difícil para un compositor, pero a miña ilusión non vai estar completa até que non consiga estrear a versión orixinal que concibín en galego aquí. Non depende tanto de min, senón de persoas e de institucións que se interesen e que queiran apoiar o proxecto. A min encantaríame poder levala dalgún xeito á serra do Courel, porque é de onde saíu todo.

Comentarios