O novo director da Real Filharmonía quere levar a música clásica á sociedade

Baldur Brönnimann foi presentado esta terza feira como novo director da Real Filharmonía da Galiza (RFG) e incorporarase ao posto en xaneiro de 2023.
Baldur Brönnimann, á esquerda, xunto ao alcalde de Santiago (Foto: Europa Press).
photo_camera Baldur Brönnimann, á esquerda, xunto ao alcalde de Santiago (Foto: Europa Press).

Baldur Brönnimann foi presentado esta terza feira no Museo do Pobo Galego como novo director da Real Filharmonía da Galiza (RFG) e asumirá o cargo en xaneiro de 2023 en substitución de Paul Daniel.

Brönnimann, de orixe suíza, avanzou que comezará a súa andaina co obxectivo de aproximar a música clásica a toda a sociedade, xa que cre que "ten cousas que achegar" ao período actual.

“Moi implicado” no proxecto

O novo director, na súa primeira intervención pública na Galiza, remarcou a ilusión coa que afronta este novo proxecto na capital galega no que se ve desde o inicio "moi implicado", xa que se considera un "músico de hoxe" e cre que a música clásica na actualidade "ten que achegar cousas ao período actual e fai o pasado relevante para o presente". 

Nesta mesma liña, Brönnimann detallou os diferentes ámbitos nos que centrará o seu traballo na Real Filharmonía: a implicación social, na que remarcou as "ferramentas que lle brindan ao público para achegarse ás obras do pasado"; a calidade artística e a renovación do repertorio; e o compromiso formativo, xa que opina que tanto a creación como a formación no tecido musical do mañá, sinalou, "é algo importante". 

Ademais, o novo director agarda que "no momento que coñeza mellor Santiago de Compostela  poida estender este traballo, ir onde está o público, non esperar a que el veña a nós e facer proxectos que de verdade impliquen á xente e poidan coñecer a música clásica". 

Persoa “profundamente comprometida"

Brönnimann naceu en Suíza e formouse na Academia de Música da Cidade de Basilea e no Royal Northern College of Music de Manchester, onde posteriormente foi titor visitante de dirección. Na actualidade, lidera a Sinfonietta de Basilea, orquestra na que terminará a súa etapa no próximo mes de xuño. Alí, dirixe programas que combinan obras contemporáneas co repertorio estándar, co que busca desafiar as convencións clásicas e explorar novas vías para a interpretación orquestral.

Desta forma, segundo sinalou a RFG nun comunicado, é unha persoa "profundamente comprometida" coa relevancia da música clásica no século XXI. Nas últimas tempadas, dirixiu, entre outras orquestras, a Filharmónica de Seúl, a Filharmónica de Oslo, a Sinfónica da WDR, a Sinfónica de Barcelona, a Filharmónica de Bergen e a Sinfónica da Radio de Viena.

Comentarios