Vicetto como historiador da Idade Moderna e a Contemporánea, a debate

Unha palestra cos historiadores Manuela Santalla e Rubén Labisbal Pérez debateu arredor da visión do autor sobre a historia moderna e contemporánea da Galiza
Palestra sobre a figura de Vicetto. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Palestra sobre a figura de Vicetto. (Foto: Nós Diario)

Dentro das actividades que están desenvolvendo a Sociedade Cultural Medulio e a Asociación Ferrolterra Antiga para reivindicar a figura e a obra do escritor, historiador e xornalista Benito Vicetto, onte tivo lugar, no Antigo Hospicio de Ferrol, unha palestra na que Manuela Santalla -historiadora licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Barcelona e doutora pola Universidade de Santiago de Compostela- e Rubén Labisbal Pérez -presidente de Ferrolterra Antiga e historiador- debateron sobre visión do autor sobre a historia moderna e contemporánea da Galiza.

Labisbal, falando do estudo da Idade Moderna de Vicetto, explica que "sabe ver moi ben que por debaixo desa rede da monarquía dos últimos Trastámara, os Austria e os Borbóns, traballaba unha Xunta do Reino da Galiza cuxas elites posuían unha certa autonomía, especialmente nos séculos XVI e XVII". Coa invasión francesa hai un pequeno renacemento desa Xunta na que "a resistencia ao invasor devólvelle a autonomía".

O historiador pon como exemplo o conde de Lemos ou o conde de Gondomar como representantes da elite que continúa sendo consciente da situación de submisión do Reino da Galiza e teiman en reclamar os dereitos que cren que se lle deben recoñecer. "Así como axiña se ve que Vicetto é un home anticlerical, fala da nobreza con certa moderación, sabendo que nela residen os elementos máis conscientes da autonomía do Reino da Galiza". 

 

A Galiza liberal

Pola súa parte, Santalla centrou a súa intervención na Galiza liberal. "El describe ese liberalismo galego, fundamentalmente urbano, que mantén trazos dunha personalidade propia e que lle outorgan á Galiza o status de nación".

Santalla insistiu en que Vicetto "transcribe moi ben e cunha gran fiabilidade histórica o panorama social e político, por exemplo, de Ferrol, a cidade na que el medrou".

 

Comentarios