Vicetto, o precursor

Primeiro a persoa. Aquí o mociño orfo ferrolán a alistarse á milicia para fuxir da miseria, o galego nómade a percorrer o estado de punta a punta como funcionario de prisións, o home maduro empregado na facenda pública e sempre o cidadán rebelde ao servizo da causa galega.

Benito_Vicetto
photo_camera Benito Vicetto

Adherido ao provincialismo desde moi novo, así se chamaban daquela os nacionalistas, Benito Vicetto (1824-1878) publicou antes dos sucesos de Carral os seus primeiros traballos na prensa que daba cobertura á reivindicación galega, non participando na revolución de 1846, como sinalou en traballos posteriores, por atoparse deslocado en Madrid por razóns de traballo. Marcado pola xeración de Antolín Faraldo, aquel a quen caracterizou pouco antes de morrer na Revista Galaica, como “a persoa que con máis empuxe e brío se dedicou á emancipación de Galiza, afirmando non queremos ser máis que galegos”, xogou un papel chave como ponte coa segunda xeración provincialista, aquela da que fixeron parte entre outros Rosalía de Castro e Manuel Murguía.

Despois o escritor compulsivo. A súa obra escrita, espallada a partes iguais en xornais e libros, responde a unha aposta política por Galiza ou como el mesmo afirmou “a levantar o seu espírito nacional, lembrando a súa vida independente e as súas tentativas de independencia”. Iniciouse como xornalista nos medios de prensa impulsados polos membros máis significados xeración de 1846, aparecendo a súa sinatura en El Recreo Compostelano ou en El Centinela de Galicia, continuouna até o final dos seus días en xornais galegos ou españois como El País, Diario de La Coruña ou El Imparcial; porén, merece especial destaque El Clamor de Galicia, considerado como primeiro órgano de prensa da segunda xeración provincialista e que o propio Vicetto dirixiu e impulsou na Coruña entre 1854 e 1856.

As novelas do ferrolán, auténticos fenómenos sociais no seu tempo e  hoxe practicamente descoñecidas, signifícanse pola súa temática histórica, moi influídas pola produción europea do momento, particularmente por Walter Scott, destacando entre elas títulos como Los hidalgos de Monforte, que acadaría sete edicións en vida do autor, Rogín Rojal o el paje de los cabellos de oro, El Lago de Limia ou Victor Basbén, romance de carácter autobiográfico. 

Por último o historiador. A súa produción historiográfica, moi particularmente a monumental Historia de Galicia publicada en sete tomos entre 1865 e 1873, responde á vontade de construír unha historia do país, evidenciando a intencionalidade e contradicións do discurso histórico español naquel momento en fase de elaboración. As pexas do seu edifico historiográfico —comúns ás obras do momento e recoñecidas polo propio Vicetto ao afirmar que “na miña historia obra haberá erros, porque a historia antiga non a constituiran máis que fábulas en bocas de persoas ilustradas”— non impide concluír que os núcleos esenciais das súas teses, sobre todo para o período medieval, están plenamente vixentes. A aproximación ao estudo do medievo non é un refuxio para afogar unha suposta febre romántica, pola contra parte da convición de que nesta época atópanse moitas das chaves que explican a dependencia de Galiza, correspondéndolle o mérito de ser o primeiro en verificar a existencia dun reino propio ao longo de practicamente dez séculos. 

A Vicetto correspondéndolle o mérito de ser o primeiro en verificar a existencia dun reino propio ao longo de practicamente dez séculos. 

 

E xa para sempre o precursor. A figura de Vicetto, non exenta de contradicións e inxustamente tratada, é chave para explicar o proxecto patriótico nas décadas centrais do século XIX e comprender o esforzo das primeiras xeracións do que hoxe chamaríamos nacionalistas por dotar a Galiza dun relato histórico. Situado nas posicións da esquerda da época, testemuñada polo seu republicanismo sen complexos e un anticlericalismo que mereceu a condena do Arcebispo de Compostela, balanceou entre a defensa dunha confederación das nacións ibéricas que debía incluír a Portugal ou  a aposta, como escribía na Revista Galaica,  pola “independencia de Galiza, unha idea santa e subrimemente patriótica”. O seu edificio historiográfico, necesitado de postas ao dia e actualizacións ao calor das novas investigacións, mantense vixente na súas formulación centrais, significándose pola súas achegas e interpretacións a restauración daquela parte da nosa historia en que o país foi dono dos seus destinos.

Comentarios