Benito Vicetto: o pioneiro esquecido da historiografía da Galiza

Hai obras que só o paso do tempo coloca no seu lugar. A de Benito Vicetto, monumental en cantidade e en ambición, adquire, vista desde hoxe, a condición de traballo seminal para a historiografía galega e para a recuperación dos sinais de identidade da Galiza.
Benito Vicetto de novo segundo un retrato a pluma doado a RAG por Antonio Rey Escariz.
photo_camera Benito Vicetto de novo segundo un retrato a pluma doado a RAG por Antonio Rey Escariz.

Cóntao Murguía: o fracaso do alzamento do 1846 e o fusilamento dos mártires de Carral silenciou durante uns anos a reivindicación da nacionalidade galega até que Benito Vicetto fundou o periódico El clamor de Galicia poñéndose á fronte dunha nova xeración entre cuxos membros estaba o propio Murguía: "Á fronte dela púxose o malogrado Vicetto, que con Los Hidalgos de Monforte reanimara no corazón de todos os non extintos sentimentos e déralles de novo a súa bandeira", escribía en Orígenes y desarrollo del regionalismo en Galicia.

 Efectivamente, Vicetto, moi marcado pola xeración de Antolín Faraldo -a quen consideraba "a persoa que con máis empuxe e brío se dedicou á emancipación da Galiza"-, non só foi a figura chave que exerceu de ponte entre a xeración de 1846 e a de Murguía e Rosalía, senón que ademais dedicou unha monumental obra escrita -entre xornalismo, literatura e historia- a "levantar o espírito nacional" da Galiza, "lembrando a súa vida independente e as súas tentativas de independencia".

A figura de Vicetto, inxustamente tratada pola historiografía posterior, resulta fundamental para comprender o esforzo das primeiras xeracións de nacionalistas por dotar a Galiza dun relato histórico propio. E en realidade, toda a súa obra -tamén a literaria e a xornalística- está impregnada desa idea de "levantar o espírito nacional", nun proxecto intelectual de amplísimo espectro.

Recuperar unha figura pioneira

Aproveitando o segundo centenario do nacemento de Vicetto, nado en Ferrol o 21 de maio de 1824, a Sociedade Cultural Medulio e a Asociación Ferrolterra Antiga comezan hoxe unha xeira de mesas redondas e actividades que reivindicarán a súa figura e a súa obra. Os actos comezarán hoxe, no Antigo Hospicio de Ferrol, cunha mesa redonda na que Antonio Casal Velázquez, Alexandre Peres e Francisco Rodríguez disertarán sobre a visión da Historia Antiga e Media da Galiza do autor.

"Trátase de recuperar unha figura fundamental que hoxe está moi esquecida", explica o secretario de Ferrolterra Antiga, Antonio Casal. "Vicetto é o primeiro en reivindicar a necesidade de estudar unha historia da Galiza como entidade política independente, e non inserida na historia de España. Aínda hoxe esa é unha idea rupturista. Agora que desde numerosas institucións se está a traballar na recuperación da historia do Reino Medieval da Galiza, é bo lembrar que Vicetto foi o primeiro en destacar a súa importancia no decorrer da historia europea". 

Épica ben documentada

Unha das posíbeis causas deste esquecemento está na acusación que se lle fixo a Vicetto de "romantizar" en exceso a historia, denegándolle así credibilidade ao seu traballo historiográfico. Mais o historiador Alexandre Peres Vigo matiza moito esta recriminación que se lle apón. "É certo que a súa obra ten unha compoñente narrativa importante, pero as súas fontes son moi sólidas, e mesmo podería dicir que sorprende o enorme caudal de documentos aos que ten acceso", declara Peres Vigo en conversa con Nós Diario. "O que si existen son certos momentos que podemos entender como transcendentais na historia da Galiza que el eleva buscando a épica; pero documentalmente non se lle pode afear nada. É máis, mostra un espírito crítico encomiábel".

En realidade, comenta o historiador, o realmente valioso de Vicettto é a vontade de restituír algo que nos fora negado. "El é moi consciente, e así o denuncia, de que España nunca estivo interesada en propiciar unha historia coa que o pobo galego se vise identificado. Co seu traballo quere vindicar, sobre todo, o dereito da Galiza a construír o seu propio relato histórico, sen servidumes a outros intereses nacionais. Logo, é certo que ten certas lagoas -por exemplo, en canto ao estudo da prehistoria- que enche con algunhas ferramentas que xa estaban en desuso no seu tempo. Pero hai que ter en conta que a arqueoloxía científica era unha disciplina que estaba desenvolvéndose naquel momento e que el non é o único estudoso europeo que fai uso desas ferramentas que axiña  ían quedar desactualizadas".

Constantemente atacado pola Igrexa polas súas ideas republicanas e anticlericais, Vicetto atopou enormes dificultades para rematar de publicar a súa Historia de Galicia, cuxos sete tomos viron a luz entre os anos 1865 e 1873.

Debate e vindicación pública

A segunda das mesas redondas, programada para o 12 deste mesmo mes, estará centrada nos períodos moderno e contemporáneo, coa participación de Manuela Santalla e Rubén Labisbal. En abril as xornadas dedicaranse a analizar o seu labor como xornalista e activista. O 9 de abril intervirán Esperanza Piñeiro, Juan Renales e Xosé Fandiño para tratar o contexto biográfico, mentres que o 23 Germán Castro e Guillermo Llorca se centrarán na súa traxectoria como xornalista. Finalmente, en maio tratarase a obra literaria de Vicetto, desde a lírica ao teatro, pasando pola narrativa. Deste eido debaterán Pilar García Negro, Elia Rico, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Manuel Rei. 

Mais a iniciativa non se limita ao campo do divulgativo: tamén se presentará unha moción ao pleno do Concello de Ferrol na que se lle demandará que se manifeste publicamente lembrando e reivindicando a importancia da figura e da obra de Benito Vicetto, declarándoo fillo predilecto da cidade, pola súa importante contribución na recuperación da memoria histórica da nación galega, como autor da que se pode considerar primeira Historia de Galiza, que, ademais, foi editada en Ferrol.

A moción, igualmente, solicita que se restaure o busto de Vicetto, localizado no parque Raíña Sofía, e que se coloque unha nova placa, en substitución da actual, na rúa que leva o seu nome no barrio de Ferrol Vello, adaptada á legalidade vixente e acompañada dunha pequena información sobre a súa obra e persoa. Por último, Medulio e Ferrolterra Antiga piden “a revisión do estado actual da súa tumba en Catabois e unha ofrenda floral con motivo do bicentenario do seu nacemento”.

Comentarios