Música do presente

De onte para mañá: Trépia explora tradición e electrónica desde a base

Desde os albores daquel transversal e revolucionario Projeto ['trépja] en 2008, o colectivo traballou na construción do tecido de base, desde a asociación Trépia e a súa escola. Como resultado desde tempo de aparente silencio, este ano viu a luz 'Suán', un álbum que constitúe a primeira fase dunha iniciativa máis ampla que tenta implicar alumnado e profesorado, sempre coa idea de levar o tradicional cara ao futuro e facelo máis accesíbel a novos públicos.
cartaz_2018_2
photo_camera Trépia
Antes do boom de Baiuca, existiron outros grupos que exploraron o fértil territorio das mesturas de electrónica e tradicional. Un dos navegantes máis recoñecidos foi aquel Projeto [`trepja], coa súa orixinal e multipremiada proposta integrada de danza, música e videocreación.

Aínda que semellaban desaparecidas desde 2010, non tal. Porén, aquel formato artístico colectivo transformouse nunha asociación cultural con sede en Pontevedra, a través da que se encarreira unha escola de música e baile tradicional.

"Decidimos dedicarnos a crear tecido de base", explica Xandre Outeiro

"Decidimos dedicarnos a crear tecido de base", explica Xandre Outeiro, un dos integrantes, que desenvolveu o labor de produtor artístico en Suán, o disco que saíu a luz este ano como un dos derivados de todo este longo período de traballo baixo a superficie, menos visíbel pero igualmente necesario.

Desde a asociación Trépia hai un par de anos decidiron comezar a traballar por proxectos para ampliar a actividade que estaban a realizar, máis orientada cara ao ensino, e un deles incluía a gravación deste Suán, se ben esta é unha aresta dunha iniciativa máis transversal.

Gravación e aprendizaxe

O proceso de composición e gravación foi en si unha das partes máis destacábeis, porque naceu coa idea de desenvolver un traballo discográfico no que participase a maior cantidade posíbel de alumnado e profesorado da escola, así como outras persoas vencelladas á asociación.

"Foi didacticamente moi interesante, porque á parte de ir a unhas aulas ao longo do curso, as asistentes puideron experimentar o que implica meterse nun estudio, un traballo diferente do que é tocar e aprender", sinala Outeiro.

"Hai moita xente que non se puxera diante dun micrófono nunca", di Outeiro

Resultou un procedemento longo, de case un ano de duración, pola complexidade de coordinación das implicadas, así como pola inexperiencia de se enfrontar a esta situación. "Hai moita xente que non se puxera diante dun micrófono nunca", di Outeiro, mais ao contar cun espazo de gravación propio isto non ocasionou problemas de tempo.

Comezaron por escoller o as cantigas e levar a cabo os arranxos, que no seu caso foxen das lóxicas convencionais máis do tradicional para explorar outros sendeiros. Logo distribuíron as pezas entre os diferentes grupos ou niveis, sempre en contacto co profesorado, que traballou os temas nas aulas, primeiro por separado e logo con ensaios en conxunto.

Por último viría a gravación, que resultou "bastante salvaxe", comenta Outeiro, "porque ao final eran en total preto de 60 persoas as participantes". E entre elas atópase tamén a cativada da aula de infantil.

A creación de repertorio

Suán é un disco que bebe do arquivo, cunha boa parte do repertorio arranxado sobre recollidas quer da asociación quer do profesorado. Moitas veces trátase de temas que se traballan habitualmente nas aulas, cos que algúns dos grupos participaron directamente.

Mais tamén hai "composicións propias feitas ao estilo tradicional", algo que, segundo Outeiro, non é frecuente. Neste caso foi un labor desenvolvido principalmente por aqueles grupos máis estábeis que tenden a ensaiar de maneira regular vencellados á entidade.

"Para nós ten máis sentido se ademais achegamos repertorio novo", explica o músico a respecto desta decisión, "se logo pasa ou non ao tradicional terá que dicilo o tempo". Pois as pezas "nunha cultura musical viva como a que temos tamén van evolucionando e asentando, ou desaparecendo".

"Para nós ten máis sentido se ademais achegamos repertorio novo", explica o músico a respecto desta decisión, "se logo pasa ou non ao tradicional terá que dicilo o tempo".

Así, por exemplo, a faixa "Ribeirana para Angudes" elaborouse ao estilo dunha zona concreta, pero creada de cero. "Simplemente ficamos cos instrumentos da zona e compuxemos unha melodía para o tema", sinala Outeiro. Noutros casos, constrúese mesturando ambas as vertentes.

"A Silveira" funciona como unha "suite onde hai melodías tradicionais de canto que se levaron aos instrumentos -zanfona, violíns e acordeón diatónico-, mesturados con partes cantadas compostas e outras tradicionais".

Segundo resume o produtor artístico, en cada tema quixeron experimentar cuestións diferentes, cun traballo xeral máis homoxéneo. "Falando coloquialmente, uns son máis metaleiros", explica, con guitarras eléctricas ou batería, mentres outros tenden de maneira evidente cara á electrónica con sintetizadores, ou están gravados en acústico e o dixital incorpórase nunha base discreta, como en "Pardalongas".

O que latexa por detrás desta proposta é o lema que rexe a propia Trépia: "Fornecer a nosa tradición cultural de novas ferramentas e mecanismos que permitan a súa pervivencia no futuro". Esta máxima alude un debate entre tradición e vangarda que fica aínda sobre a mesa e esperta polémicas.

"Nós somos grandes admiradores e admiradoras da nosa tradición. Estudámola, ensinámola... Pero detectamos que hai cousas que non nos interesa que transcendan ao futuro. Cada música tradicional pasa o filtro da sociedade do momento", afirma. Refírese en especial con isto a cuestións que non resultan hoxe aceptábeis, como o contido machista de certas cantigas.

Con todo, é posíbel buscar no acervo popular aquelas "que digan cousas relevantes para a sociedade de hoxe en día", ao tempo que se pon o esforzo en "tratar a música dunha maneira que poida achegar o repertorio tradicional ou feito con ese estilo a públicos aos que non chega habitualmente". Era, nese senso, unha pretensión contribuír a "desencasillar a música tradicional do ámbito no que está", aínda que Outeiro admite que se cadra hoxe o público xa comeza a estar máis diversificado.

Proxecto transversal

A gravación é só a primeira parte dun proxecto que ten outras dúas etapas, aínda por chegar. Unha delas consiste xustamente en adaptar a proposta para o directo, reducindo a formación a sete voces e unha representación de cada instrumento.

O ano pasado traballaron nesta liña, pero coa chegada da Covid-19 tiveron que parar. Estes últimos meses fixeron algunha pequena intervención co que tiñan preparado e co comezo de novo do curso contan con retomar os ensaios.

A gravación é só a primeira parte dun proxecto que ten outras dúas etapas, aínda por chegar

A terceira parte do proxecto enlaza con outra das vías exploradas desde o comezo: a integración de danza e audiovisual no espectáculo. Desta volta, a idea é a elaboración dunha serie de videoclips nos que poida participar a xente da escola de baile, que na primeira fase "quedou un pouco descolgada".

Contarían para a vertente audiovisual con Diego Pintos e Marta Verde Baqueiro, videocreadoras vencelladas á asociación que "teñen moi clara a idiosincrasia do noso proxecto", comenta, e os "bancos de imaxes moi traballados". A respecto disto, Outeiro destaca que o traballo coa imaxe en movemento continuou, se cadra de maneira menos visíbel, con pequenas intervencións.

Comentarios