Contracultura

Iseo Agilda: "Tiña moi claras as sensacións que quería evocar, unha simbiose entre o natural e o artificial"

Iseo Agilda, cantautora, publica 'Nigredo', o primeiro disco da formación musical que lidera, Måi, xunto co produtor Tomás Ageitos e a cellista Margarida Mariño. Agilda aborda o proceso que a levou a crear estes temas así como o simbolismo que se agocha detrás: "Utilizo moito a metáfora da porta da cova porque para min é onde estamos agora, nesa entrada na que imos entregar todo o que somos".
A artista fai parte de bandas como Blues do País (Foto: Judith Adataberna).
photo_camera A artista fai parte de bandas como Blues do País. (Foto: Judith Adataberna)

—Como naceu a mestura de música tradicional e electrónica que caracteriza Måi?
Hai máis ou menos cinco anos eu viña de cantar e de compor en Sacha na Horta e Blues do País, mais precisaba sacar outro tipo de cousas máis íntimas, cancións que me axudasen a conectar máis fondo. Aí foi cando comecei a compor estas cancións coa miña guitarra, o que pasa é que me custou bastante tempo atopar alianzas, alguén que me axudara a sacalas adiante. 

Tiven varias tentativas con algunhas persoas, mais non acababamos de encaixar porque eu tiña bastante claro o que quería. Falei con Tomás Ageitos e pilloume bastante rápido a idea e a sensibilidade que eu levaba, e el deulle o seu punto e, sobre todo, o son. Isto foi aproximadamente hai dous anos. Eu tiña moi claras as sensacións que quería evocar, a atmosfera, mais era un momento no que aínda non acabara de abrollar a mestura entre tradicional e electrónica, unha simbiose entre o natural e o artificial, e custa moito meterse na cabeza de alguén e poder reproducilo. Con todo, Tomás xa traballaba nese sentido e cando nos atopamos vimos que estabamos facendo un camiño moi semellante. 

Para min había tres patas: a percusión tradicional e ritmos apegados a isto, aínda que moi libres, máis entendidos como unha ferramenta, unha referencia rítmica; un gran contraste coa voz, que ía ser suave, etérea, non tanto como as voces da música tradicional; e melodías guiadas polo cello. A electrónica é unha ferramenta que nos permite casar estes mundos e levalos a unha dimensión mítica e diferente, separada do cotián, porque enrarece os sons e permite acceder a un elemento moi coñecido cunha sensación que che leva a outro sitio emocionalmente falando.

—E agora presentan o primeiro disco, Nigredo.
É un traballo composto por oito temas que xa están dispoñíbeis nas plataformas dixitais. O título ten bastante historia. A alquimia tiña unha dobre función: buscar no laboratorio o camiño para transformar chumbo ou ferro en ouro e facer este mesmo percorrido a nivel espiritual sublimando a alma para ser máis puras e nobres. O nigredo, ennegrecemento, é a primeira parte do proceso e eu enténdoo como unha renuncia da parte máis individual e do ego, das nosas identidades que fomos construíndo, en gran medida ficticias e case de promoción. Para min, o nigredo consiste en entregar todo o que ti es, incluíndo o que é mentira e as faltas que temos a nivel individual, mais tamén a nivel de especie e de civilización, como a contaminación. Todo iso que é individual entrégalo ao todo, entendéndote como pertencente a algo maior ca ti. 

A partir de aí viría a segunda parte, o albedo, enbranquecemento, que é cando comezan a atoparse as esencias individuais das que estamos feitas. Por iso, nas redes sociais e cando falo do disco, utilizo moito a metáfora da porta da cova, porque para min é onde estamos agora, nesa entrada na que imos entregar todo o que somos, o escuro e o luminoso, como unha materia prima que ir purificando cara a algo máis nobre.

—Cando estará dispoñíbel o disco en soporte físico?
Nestes momentos, estamos facendo os despregábeis, que teñen un formato moi especial. A idea é comezar a distribuílo nos directos e a partir de aí ir por todas as tendas, queremos telo á venda en todas as partes e que sexa fácil acceder a el. A primeira presentación do disco foi o 11 de marzo na sala Rebullón (Mos). Foi moi bonito porque compartimos espazo con Zeltia Irevire, que tamén sacará o seu novo traballo. Tamén tivemos unha segunda presentación o 24 de marzo na Gentalha do Pichel (Santiago), mais continuaremos confirmando próximas datas de concertos.

Comentarios