Teatro

O Centro Dramático Galego castelaniza a obra 'Shakespeare en Roma', orixinalmente en galego, para levala a Mérida

"A representación en galego suporía unha oportunidade incomparábel para recoñecer a pluralidade lingüística como principio básico da organización do Estado", afirman desde a Academia Galega de Teatro.
Toni Salgado e Rebeca Montero. (Foto: Miramemira)
photo_camera Ensaios do espectáculo do Centro Dramático Galego 'Shakespeare en Roma'. (Foto: Conchi Paz)

A Academia Galega de Teatro expresou esta quinta feira o seu "rexeitamento e incomprensión" ante o que considera o "abandono da lingua propia da Galiza" por parte do Centro Dramático Galego, produtora da montaxe teatral Shakespeare en Roma, orixinalmente en galego e cunha versión en castelán realizada ad hoc para participar no Festival de Mérida, en Estremadura.

Sinalan nun comunicado que o Centro Dramático Galego é unha institución que depende da Axencia Galega de Industrias Culturais, entre cuxos obxectivos está precisamente "garantir o progreso da cultura galega, e concretamente a normalización e o impulso do idioma galego como medio para protexer e fomentar a identidade cultural da Galiza, o desenvolvemento social, o crecemento económico e o diálogo intercultural".

Remarcan ademais a oportunidade que supón un festival da categoría do de Mérida, "un escaparate de primeira liña precisamente para actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión do galego é máis evidente". "O galego conta con calidade demostrada e gran capacidade para proxectar a identidade galega máis alá das nosas fronteiras, así como para contribuír ao desenvolvemento cultural do noso país", insisten.

Para a Academia, o contexto dos festivais internacionais é o propicio para mostrar as capacidades das linguas. Por unha parte, explican, o público que acode "está afeito asistir a espectáculos en calquera idioma -de feito, ese é un dos incentivos deste tipo de encontros-" e, por outra, aseguran que os organizadores contan coa estrutura técnica necesaria para ofrecer un espectáculo subtitulado sen menoscabar a función.

"A representación en galego suporía unha oportunidade incomparábel para recoñecer a pluralidade lingüística como principio básico da organización do Estado", afirman desde esta entidade.

A todo isto, engaden que renunciar a utilizar a lingua na cal se creou o espectáculo escénico supón "corromper" a experiencia artística que "se deriva da súa contemplación". "E que o faga unha compañía institucional significa asumir unha posición de subordinación do galego que resulta inadmisíbel nunha entidade pública e que contravén a Lei de Normalización Lingüística", sinalan.

"Recapacitar e rectificar"

A Academia fecha o comunicado exhortando o Centro Dramático Galego a "recapacitar e rectificar" unha decisión "de modo evidente lesiva para a lingua, para o teatro e para a cultura da Galiza". Convida ademais a compañía para presentar a produción na lingua na cal foi proxectada, realizada e ofrecida ao público en todas as súas representacións.

Comentarios