A única peza dramática que o autor publicou en vida carece dunha edición moderna

O teatro esquecido de Arcadio López-Casanova

Arcadio López Casanova é recoñecido como un dos grandes renovadores da lírica galega grazas ao seu poemario Mesteres, mais no é tan coñecida a influencia que tivo no seu momento a única peza teatral que publicou, Orestes. Tivo un ascendente calado, mais notábel, sobre a literatura dramática posterior.
Arcadio López Casanova, nunha foto de arquivo da lectura do seu discurso de ingreso na Real Academia Galega.
photo_camera Arcadio López Casanova, nunha foto de arquivo da lectura do seu discurso de ingreso na Real Academia Galega.

“Falaban, en lingua galega, Orestes, Electra e Clitemnestra, e facíano, velis nolis, co nobre eco dos hexámetros de Homero e dos parlamentos da Orestiada de Esquilo. Estábase a ofrecer un texto que confería ao noso idioma a nobreza dos clásicos”. A cita pertence á resposta do profesor Xesús Alonso Montero ao discurso que Arcadio López-Casanova deu na Real Academia Galega ao ser elixido Membro de Honra, en 2013, e refírese a unha obra da que se fala demasiado pouco: o Orestes, a única peza teatral publicada polo recentemente falecido escritor e crítico. 

 

A historia comeza en 1960, cando se convocou en Lugo o I Certame de Teatro do Miño (non habería máis edicións), que tiña como obxectivo o recoñecemento e revitalización do teatro galego. Das obras presentadas, o xurado seleccionou seis: A noite vai como un río de Álvaro Cunqueiro, que resulto a gañadora; Nicolás Flamel, de Daniel Cortezón; A volta de Ulises, de Xosé L. Franco Grande; O auto do labrego, de Manuel María; Orestes, de Arcadio López Casanova; e Os homes poden ser deuses, de Juan Mª Gallego. 

Nese momento, López-Casanova contaba con só 18 anos, mais a peza constitúe un sorprendente exemplo de madurez que prefigura moitos dos temas que posteriormente serían tratados na súa poesía. No momento da escrita, o autor participaba de forma moi activa na vida universitaria galega, comprometido coa limitada oposición ao réxime que se podía exercer desde o campo cultural. Foron anos de intensa actividade política, cultural e literaria, desde os círculos próximos a Ramón Piñeiro ou desde a Asociación Cultural O Galo de Compostela. 

Na Galiza, en 1959, foi o teatro universitario o que puxo en pé un dos primeiros espectáculos teatrais en lingua galega de que se ten constancia desde 1936: a Antígona de Jean Anouilh

Naquela altura, as compañías de teatro universitario -denominadas T.E.U., Teatro Español Universitario- constituían espazos dunha certa liberdade en medio do ambiente de represión que se vivía ao longo de todo o Estado. Malia a férrea censura, o teatro que se refuxiaba na Universidade, logrou abrir pequenas fírgoas no monolitismo cultural do réxime. Na Galiza, en 1959, foi o teatro universitario o que puxo en pé un dos primeiros espectáculos teatrais en lingua galega de que se ten constancia desde 1936: a Antígona de Jean Anouilh, traducida ao galego por Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Franco Grande e Ramón Silva e dirixida por Rodolfo López Veiga, un grande animador do teatro na Universidade que ese mesmo ano, pasaría a traballar como director teatral en Cantigas e Agarimos. 

O Orestes de López-Casanova foi estreada polo T.E.U da facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago e a expectación que describe Alonso Montero, converteu a función -dirixida por Lolita Ferro e con Teresa García-Sabell entre as actrices do elenco- nun pequeno éxito daquela vida cultural disidente que ía collendo forma á sombra da ditadura. Á función asistiron Otero Pedraio, Méndez Ferrín ou Manuel Rabanal, que se apresuraron a encomiar o resultado na prensa da época.

Pódese rastrexar a pegada desa "poética da mitoloxía" -como a chamou o dramaturgo e investigador Roberto Salgueiro- en obras de autores tan dispares como Manuel Lourenzo ou Xohana Torres.

Unha nova poética

Pero ademais do papel xogado pola obra dentro da complexa vida político-cultural da época, o Orestes de López-Casanova tamén inauguraba unha forma de facer teatro que tería unha especial relevancia no devir do teatro do futuro. A peza, baseada na de Sófocles, rompía coa estética socialrealista que imperaba na época, para crear unha escrita poética, atenta á linguaxe e a estética, mais sen abandonar a preocupación social nin a actitude crítica ante a situación política. Ademais, integraba o existencial na temática da traxedia, en especial a angustia ante o paso do tempo e a morte. López-Casanova puña así o teatro galego na frecuencia do que se estaba a escribir en Europa, fundamentalmente baixo a influencia de Jean-Paul Sartre.

A lectura política da obra estaba asegurada naquel momento, cun escenario, a cidade de Nova Argos, desolado, hostil e lúgubre que era sinxelo identificar coa escuridade da ditadura. Mais a forma de internarse no mundo da opresión resultaba extremadamente novidoso e fornecía de novas ferramentas literarias a autores que, nos anos seguintes, explorarían a oposición ao réxime desde unha escrita que combinaba a lírica e a parábola. Pódese rastrexar a pegada desa "poética da mitoloxía" -como a chamou o dramaturgo e investigador Roberto Salgueiro- en obras de autores tan dispares como Manuel Lourenzo ou Xohana Torres.

O Orestes de López-Casanova, -por certo, a súa primeira obra publicada en galego na revista Grial, en 1963- merece unha atención máis detallada da que tivo nos últimos anos e, desde logo, unha nova edición que poña á disposición do público unha peza fundamental da nosa literatura dramática.

Comentarios