EZEQUIEL MÉNDEZ (COMPOSTELA, 1941)

Facer 'Os vellos non deben de namorarse' en 1961 foi homenaxear a Castelao

Unha exposición na Biblioteca Anxel Casal de Compostela lembra o 50º aniversario da estrea da obra “Os vellos non deben de namorarse” na praza da Quintana.

Na exposición da Biblioteca Ánxel Casal vemos fotografías, documentos e a prensa da época lembran aquel fito histórico. No acto de presentación da exposición, que se poderá visitar até o 30 de abril, víronse despois de moitos anos algúns dos protagonistas daquela máxica noite. Un deles, Ezequiel Méndez, leva moitos anos vivindo lonxe da súa terra mais ten gravado na memoria como foron aqueles días.

Ezequiel Méndez naceu en Compostela, ao pé do Obradoiro onde xogaba de pequeno ás bolas, á estornela,... daquela cando o Hostal era Hospital. Estudou dous anos de dereito mais decidiuse por Filosofía e Letras. Na Compostela de 1961 participou na estrea de “Os vellos non deben de namorarse” organizada pola Coral Cantigas e Agarimos. A súa ilusión: ser director de cine. En Madrid aprobou os estudos mais Fraga Iribarne, daquela Ministro de Información e Turismo, mandou frear a escola de cine e mudou para sempre o seu camiño. Montou unha distribuidora de libros e en 1974 ofrecéronlle dirixir o Fondo de Cultura Económica de México en Madrid. Pasou logo por Alianza Editorial, o xornal El País, o Instituto Cervantes até rematar a súa vida laboral nunha das editoriais do grupo Mondadori.


Como era a sociedade de Compostela neses anos?
Entre os anos 50-60 Compostela era unha cidade pechada en si mesma, unha cidade case autista, levítica. Vivía da Universidade e moi dominada polo clero. Mais había unha burguesía ilustrada de avogados, médicos...sen grandes compromisos políticos polas dificultades daqueles anos da pesada lousa da ditadura. A universidade vivía allea a vida da cidade e a cidade vivía allea á vida da universidade. A cultura ficaba no interior das aulas. Era unha cidade pequena cuns 60.000 habitantes dos que 15 mil eran estudantes.


Entón colabora con Cantigas e Agarimos e estrean “Os vellos non deben de namorarse” na Praza da Quintana en 1961...
Rodolfo López Veiga, daquela, dirixía o TEU (Teatro Español Universitario) en Compostela. Era un home culturalmente con inquedanzas. Licenciado en dereito, tiña un comercio na Praza de Cervantes. Amante do teatro, estaba subscrito a revistas especializadas. Estaba en Cantigas e Agarimos cando deixou o TEU e empezou a crear un grupo de teatro con xente da propia agrupación, sen experiencia dramatúrxica, e xente que coñecía con experiencia teatral. A min dirixiume xa cando facía bacharelato no Colexio Minerva, agora Peleteiro. A primeira obra que quixo facer foi “Os vellos non deben de namorarse”, unha peza con contido social pero non cunha implicación política directa. Si tiña relación política directa o seu autor: Castelao. Naqueles anos nomear a Castelao era nomear ao demo, era o enemigo público número un. Pedíronse os permisos, empezouse a ensaiar, Rosendo Mato púxose coas partituras, Ánxel Morón cos decorados... e logo veu toda a parte coral da agrupación. Daquela tiña eu vinte anos e non me decataba de cousas que hoxe eu interpreto.


Por que unha obra de Castelao?
Penso que houbo unha coincidencias de criterios por afinidades entre o mesmo Rodolfo e outras persoas de Compostela como Manuel Beiras ou Fermín Bouza Brei. Ademais, conseguiu que a censura da época concedera aquel permiso, aínda que chegou só dous días antes da representación. Hai que ter en conta que en pouco tempo organizouse un acto ao que asistiron 3.000 persoas, entre elas persoeiros como Ramón Otero Pedrayo, Aquilino Iglesias Alvariño, Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Filgueira Valverde, Luís Pimentel, Ánxel Fole,... Foi poñer en primeiro plano a Castelao, como unha demostración de forza. Isto foi máis importante que a calidade da representación mesma, xa que logo non eramos profesionais. O importante estaba no feito, no día 25 de xullo, o día sinalado, o Día da Patria Galega. Foi, ademais, o rexurdir do teatro galego con entidades como a A.C. O Galo que tamén organizaría actividades teatrais nas que tamén participou Rodolfo.

Foi poñer en primeiro plano a Castelao, como unha demostración de forza. Isto foi máis importante que a calidade da representación mesma, xa que logo non eramos profesionais.


Como foi a preparación da representación de “Os vellos non deben de namorarse”?
Tiñamos ensaios colectivos e ensaios individualizados. Estes últimos na mesma tenda do director. Penso que coa representación d'Os vellos non deben de namorarse” Cantigas e Agarimos daba un grande paso de ter unha sección de danzas a facer tamén teatro.

E a noite da estrea?
Foi tremendo. A xente foi chegando de diferentes sitios. De Rianxo chegaron varios autocares. Viñeron as irmás de Castelao. Ademais dos que xa comentei estiveron na Quintana Ricardo Carbalho Calero e Xesús Alonso Montero, por exemplo. Quedei sorprendido de dúas cousas. Primeiro que aquel día, cando empezou a anoitecer, nas portas de acceso a Quintana colocouse a policía. Logo que houbera unhas 3.000 persoas, cando noutras representacións de compañías españolas nese mesmo lugar non pasaban das 500 ou 700 persoas.
Sobre a representación lembro que houbo algunhas deficiencias técnicas. No caso da megafonía, ao ter que actuarmos con carautas dificultábase poder dirixirmos ben a voz aos micrófonos e nalgúns sitios non se escoitaba ben. Aínda así a xente estaba caladiña. Foi unha representación na que houbo aplausos a esgalla, unha solidariedade cos actores por parte de toda a xente. Un sentimento no ar de esa noite era especial. Como se Castelao estivera alí. Era unha homenaxe a súa persoa e de manifestación dun sentimento que había que ter en conta na sociedade galega.


Que repercusión tivo esa representación?
Para min non se volveu repetir. Non houbo ningunha outra representación de teatro en galego que tivera aquela resonancia. Unha das razóns era polos atrancos administrativos. Tiña a sensación que as autoridades pensaban que este tipo de actividades eran unha bomba de reloxería que non podían controlar.  

E o teatro galego na actualidades que opinión lle merece?
Vivo en Madrid e non teño moita información sobre o que acontece na Galiza. Viaxo moito e aproveito a ver teatro. Penso que no noso país falta público. Non veñen grandes compañías estranxeiras. Antes as compañías movíanse con poucos cartos e hoxe custa máis. Por outro lado, hai que botar man dos clásicos. Penso que hai que traducir aos clásicos. Non falo de adaptacións. Coido que hai certo rexeitamento para obras que non teñen abondo sona. O teatro sen público non ten sentido. Mesmo termos teatro nas vilas e parroquias. Nos últimos anos as obras pasaron de ser do texto a expresión corporal, un experimentalismo que a maior parte da xente non lle di nada. Penso que para recuperar o público hai que dar bos espectáculos de texto.

 

Máis en Ao vivo