'O refuxiado' condensa os temas que perfilan a sociedade actual

Stracciatella Teatro estrea en Sada unha peza sobre "a pobreza moral de occidente"

O auditorio de Sada acolle a estrea de O refuxiado, da compañía Stracciatella Teatro, escrita por Andrés Mahía e dirixida por José Prieto.

Os actores Iria Lamas e Álex Carro, nun ensaio de 'O refuxiado'.
photo_camera Os actores Iria Lamas e Álex Carro, nun ensaio de 'O refuxiado'.

A compañía Stracciatella Teatro estrea este domingo, no Auditorio Pintor Llorens de Sada, a súa segunda montaxe, O refuxiado, cuxa trama parte da ambición dun político corrupto, sen escrúpulos nin cultura, que acepta o consello do seu xefe de gabinete para solucionar un inminente proceso por corrupción: acoller un refuxiado na casa. Daquela, converterase nun "home con conciencia" en lugar de ser un presunto delincuente. 

Na trama mestúranse os diversos temas que deseñan a actualidade contemporánea. Andrés Mahía, que ademais de ser intérprete asina o texto, explica a Nós Diario que "había tempo que sentía que o mundo pasaba por un momento crítico: a rabia pospandemia, a conversión da política nun lugar onde a verdade e a mentira son indistinguíbeis, as numerosas crises de identidade que sofre a xente, especialmente a mocidade... Tiña ganas de explorar todos estes temas desde a escrita e, nun momento dado, xurdiu esta figura do refuxiado como catalizador, como plataforma desde a que abordar todos estes temas". 

Mahía posúe unha delongada experiencia no audiovisual, no que escribiu guións para series como Mareas vivas, Terras de Miranda, As leis de Celavella ou Era visto, mais esta é a súa primeira incursión na escrita dramática. 

"Resultou unha sorpresa moi agradábel atoparse coa liberdade que dá a escrita teatral. No audiovisual existen moitos condicionamentos, tanto materiais -localizacións, orzamentos...- como de convencións narrativas. Nese sentido, o teatro é moito máis libre: podes pasar da comedia ao drama e deste á farsa en minutos, e o público acepta esa dinámica. Ten unhas posibilidades infinitas. Isto pode parecer moi obvio, pero realmente non te decatas desa inmensa liberdade até que estás escribindo. Para min foi unha experiencia gozosa, frutífera e sorprendentemente rica". 

 

Unha industria precaria 

O refuxiado é a segunda montaxe da compañía creada por Iria Lamas, Javier F. Mariño e Marcos Fernández, despois de que puxesen en escena ...e poñerán esposas ás flores..., un texto de Fernando Arrabal que estaba sen estrear no Estado e en cuxa montaxe tamén participou Mahía como actor. 

"A verdade é que eu non coñecía o teatro como industria, pero visto desde dentro vexo que aínda está ameazado por unha gran precariedade, por unha gran pobreza material que contrasta coa riqueza creativa que manifesta o teatro galego. Non ten nada que ver co que se vive no audiovisual que, desde ese punto de vista, está moito máis profesionalizado", declara o autor e actor. 

A obra está interpretada por Iria Lamas, Álex Carro e  o propio Andrés Mahía aínda que o trompetista Klaus Martínez tamén ocupa un papel no xogo escénico, interactuando co resto do elenco. A dirección corre a cargo dunha das figuras máis fértiles e polivalentes da escena galega, José Prieto. "Non debe haber moita xente que saiba tanto de teatro como el", afirma Mahía. "Xa traballáramos xuntos no audiovisual e foi unha das primeiras persoas ás que lle din a ler o texto. Gustoulle, atrevinme a proporlle que o dirixise e, sorprendentemente, aceptou. Traballar con el nesta obra foi todo una lección de teatro". 

 

Unha obra que condensa as claves da actualidade

Na trama de O refuxiado converxen moitos temas aos que non será alleo o público. A manipulación e a falta de escrúpulos dun político corrupto que ve ameazado o seu futuro pola investigación dunha xuíza; a tristeza e o abandono da súa muller, que se dá ao alcol para ocultarse a si mesma que é unha refuxiada na súa propia casa, a filla adolescente que se define como non binaria e que se prepara para ser unha terrorista... "En realidade trátase de desvelar as moitas miserias e mesquindades das que está ateigada a sociedade occidental", explica Mahía, "aínda que nun rexistro menos tremendista do que o argumento dá a entender. Tamén hai humor, aínda que sen perder de vista esa hipocrisía que fai que, por exemplo, os refuxiados ucraínos sirvan para branquear a crueldade coa que despachamos aos kurdos".

Comentarios