Crónica dos Premios María Casares

A compañía Malasombra triunfa sobre 'Fariña'

O espectáculo Bernarda, da compañía Malasombra, sorprendeu ao erixirse en gran triunfadora dos Premios María Casares 2020. A sorpresa tamén veu pola ausencia no palmarés de Fariña, unha obra que contou co favor do público e da crítica. Se cadra, un bo pretexto para reflexionar sobre a relación entre o teatro e o público no sistema teatral galego.
‘Bernarda’, representada na imaxe, da compañía Malasombra, recibiu catro premios María Casares.
photo_camera ‘Bernarda’, representada na imaxe, da compañía Malasombra, recibiu catro premios María Casares. (Foto: Malasombra)

Ás veces as sorpresas non sorprenden, aínda que sigan sendo sorprendentes. Que Bernarda, da compañía Malasombra, sexa a gran gañadora dos Premios María Casares 2020 (espectáculo, actriz secundaria –Celia González–, texto orixinal e dirección –ambos os dous para Jose Prieto) só pode sorprender a quen non vise a obra, unha montaxe sólida, coherente e de moi boa factura que, ademais, trata temas que preocupan á sociedade actual: a memoria sórdida da ditadura franquista ou o papel da muller nunha sociedade emasculada polo matrimonio entre o totalitarismo e o fanatismo relixioso ultracatólico. Bernarda, ademais, é quen de facer un atinado retrato daquela sociedade desde un rexistro de comedia negra que conecta co público desde o primeiro momento. E mais non é unha desas obras das que se fala nos cenáculos da profesión teatral, non é unha favorita ao uso. Por que?

“Non se falou moito de Bernarda entre a profesión, máis si entre o público e entre os programadores”, di Xoque Carbajal, membro fundador da compañía. “Unha programadora, despois de ver a obra díxonos que quedara moi sorprendida porque 'Malasombra non existe para a profesión', mais a realidade é que xa fixemos unhas sesenta funcións, nun ano especialmente anómalo no que houbo moitas cancelacións. Bernarda foi producida sen subvención, como sucede con todos os nosos espectáculos, porque sempre existe un comité que non coñece a compañía, ou porque non a ten en conta, ou porque non sabemos presentar ben os proxectos… Esas cousas sempre inflúen, aínda que temos a sorte de que moitos programadores nos coñecen e podemos investir cunha certa confianza na resposta do público”.

Carbajal cre que o feito de que Bernarda chegase aos María Casares é froito dun azar. “Unha programadora viu o espectáculo un pouco por casualidade e gustoulle; coincidiu que a chamaron para facer parte do comité que escollía as obras que ían estar presentes en Galicia Escena Pro (a feira das artes escénicas que decorre cada ano en Compostela) e, grazas ao seu apoio, Malasombra estivo na feira por primeira vez en once anos. Iso permitiu que a profesión puidese ver a obra e que hoxe esteamos recibindo estes premios”.

Teatro e público

Traballar para o público é a vocación dunha compañía que, di Carbajal, está convencida de que “se Shakespeare non pensase no público, agora non estariamos a falar del nin representando as súas obras. Hai cousas que están ben feitas e cousas que non e, por moitos prexuízos que teñamos, o público sabe distinguir”. 
As palabras de Carbajal apuntan á sempiterna cuestión do vínculo entre o teatro galego e o seu público, unha relación que non sempre se resolve con acerto. Curiosamente, o autor de Bernarda, José Prieto, tamén o é da adaptación de Fariña, que partía co mesmo número de candidaturas finalistas e que non obtivo ningún premio malia ser un espectáculo que contou cun extraordinario apoio do público e que acadou unha proxección que a catapultou máis alá das nosas fronteiras. 

“Este é un tema sobre o que levo reflexionando toda a miña vida e é moi delicado, ten moitas arestas”, afirma Prieto. “Eu estou moi contento por Malasombra porque, efectivamente, é unha compañía á que lle faltaba o recoñecemento da profesión, malia ter o público da súa parte. Talvez porque cultivan un tipo de teatro que se pode alcumar de 'popular', que é algo que ás veces se reviste de connotacións negativas, aínda que habería moito que falar sobre o que realmente significa o sintagma teatro popular. Con Bernarda, sen abandonar a súa liña creativa, Malasombra cruzou unha fronteira na que foron quen de demostrar que se pode facer teatro de calidade sen renunciar ao favor do público. Non acabo de estar seguro de onde se coloca esa liña da calidade, mais deberiamos reflexionar sobre como se acepta un éxito de público e cantos prexuízos hai arredor deste feito”.

Uns prexuízos que talvez alcanzan o éxito de Fariña, unha obra cunha posta en escena arriscada e equiparábel á de calquera proxecto europeo dos que enchen os festivais internacionais máis audaces, pero que aquí non deixa de verse con sospeita. “Existen receos ante un espectáculo no que participan actores que proceden da televisión, como é o caso de Touriñán”, aclara Prieto, “mais resulta que cando van a Madrid –onde non coñecen a Touriñán nin saben en que contexto é popular– o público está a favor e as críticas son moi boas e, claro, viven un mundo paralelo que resulta moi desorientador”.

Nun momento en que todo o mundo coincide na necesidade de ampliar os públicos para o teatro galego ese prexuízo ante o éxito resulta difícil de explicar. “Tamén é certo que hai cousas que funcionan co público e que carecen de rigor, que non teñen valores dignos de apoio”, recalca Prieto, “pero creo que aquí estamos falando de espectáculos que asocian a calidade artística co interese que poden ter para a sociedade”. 

Gustaríache seguir descubrindo o que deu de si a noite do teatro galego? Non deixes de comprar o Nós Diario de mañá, quer nos quiosques, quer na loxa online. Aliás, agardamos a túa subscrición para que non perdas ningunha nova!

Comentarios