Estas son as datas e lugares da xira 'Midas' das Tanxugueiras

Até o momento hai xa 34 datas confirmadas para a xira das Tanxugueiras, que entre outros lugares este ano visitarán o Festival de Ortigueira.
As Tanxugueiras brillaron no escenario do Festival de Benidorm na final do certame (@PlanetESC).
photo_camera As Tanxugueiras brillaron no escenario do Festival de Benidorm na final do certame malia ficaren en terceira posición (@PlanetESC).

As Tanxugueiras inician este sábado na Coruña a súa nova xira, para a que xa están confirmadas 34 datas, segundo vén de informar o grupo. Trátase de 'Midas', que incluirá unha serie de directos cos que percorrerán a península Ibérica e as Illas Baleares para dar a coñecer o seu terceiro traballo, que verá a luz este ano.

A respecto do mesmo, Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro destacan a inclusión de "potencia, tradición e modernidade". Aliás, salientan "a percusión, os ritmos urbanos, o baile tradicional e a voz, como especial protagonista", nun espectáculo "definido e contundente".

Todas as datas da xira 'Midas' das Tanxugueiras

A Sala Pelícano da Coruña será a primeira parada desta xira, segundo informa a organización. Tras esta cidade visitarán o Auditorio Mar de Vigo, o 1 de abril, unha cita para a que tampouco quedan entradas dispoñíbeis.

Logo seguirá a presentación en Biscaia, Barcelona, Navarra, Xirona ou Valladolid, entre outras cidades.

Cartaz completo da xira 'Midas'.
Cartaz completo da xira 'Midas'.

Na Galiza, alén da Coruña e Vigo, visitarán Narón (Pazo da Cultura), Padrón (Pascua), Melide (Foliada), Lalín (Cocidos no Camiño), Ourense (OurenSound Fest), Lugo (Arde Lucus), Ortigueira (Festival do mundo celta), Cambados (Albariño), Catoira (Romaría Viquinga), Bueu (SonRías Baixas), Vilalba (festas patronais), Vilaxoán (Revenidas) e Vilaboa (Canteira Fest).

Cómpre lembrar, por outra parte, que a comezos deste ano Tanxugueiras presentou o videoclip de 'Averno', un tema musical que será parte do seu próximo disco e que conta coa participación do rapeiro Rayden, que tamén concorreu ao Festival de Benidorm.

Comentarios