Tanxugueiras estrea 'Averno', "unha declaración de intencións a respecto dun sentimento común: a rabia"

O novo tema das pandeireteiras conta coa participación de Rayden, finalista, tamén, do Festival de Benidorm.
Fotograma do videoclip de 'Averno', o novo de Tanxugueiras.
photo_camera Fotograma do videoclip de 'Averno', o novo de Tanxugueiras.

Ao fío da medianoite, Tanxugueiras estrou o videoclip de Averno, un tema musical que será parte do seu próximo disco e que conta coa participación do rapeiro Rayden, clasificado, como as galegas, para a final do Festival de Benidorm.

A peza audiovisual, dirixida por Trece Amarillo, suma en pouco máis de 12 horas perto de 130.000 reproducións en YouTube. "Un soño" que as pandeireteiras celebran a poucas horas de participar na final do certame que dará a coñecer o nome artístico de quen representará España en Eurovisión.

O novo de Tanxugueiras "nace como unha declaración de intencións a respecto dun sentimento común: a rabia", salientan as pandeireteiras sobre Averno, unha canción que "parte da tradición para outorgar ás sonoridades urbanas un especial protagonismo".

O tema, editado por PlayPlan Cultural e Calaverita Records é un adianto do disco que publicarán en 2022, e que deron a coñecer ao mundo tras a segunda semifinal do Festival de Benidorm.

Co cadro de finalistas completo ─Rigoberta Bandini, Rayden, Xeinn, Gonzalo Hermida, Chanel, Tanxugueiras, Blanca Paloma e Varry Brava─, as galegas prepárase para defender Terra na gala definitiva, a sabendas do apoio do público e das preferencias do xurado que avaliará a calidade vocal e a posta en escena das oitos propostas escollidas pola audiencia mais polo tribunal especializado.

Tradición, identidade e lingua volverán encher o escenario do Festival de Benidorm este sábado a partir das 22 horas.

 

Comentarios