Solicitan ampliar o BIC do Museo Maside ao complexo do Castro

Alegacións da asociación Irmáns Suárez Picallo
Imaxe de arquivo do Museo Maside. (Foto: Europa Press)
photo_camera Imaxe de arquivo do Museo Maside. (Foto: Europa Press)

 

A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo de Sada vén de facer público un comunicado en que explicita as razóns polas que presenta alegación ao expediente polo que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural (BIC) o edificio do Museo Galego de Arte Contemporánea Sargadelos-Carlos Maside, para que o conxunto de Cerámicas do Castro sexa declarado BIC co recoñecemento de Sitio Histórico e polo que solicita que se estenda a declaración de ben de interese cultural ao conxunto de edificacións do complexo de Cerámicas do Castro, e non só ao Museo Carlos Maside. 

As peticións fundaméntanse na "necesidade de preservar a verdade histórica e a obra de Isaac Díaz Pardo", tendo en conta que baixo a súa coordinación "as producións do Castro acadan un nivel de calidade, así a nivel técnico como artístico, insólito a nivel estatal". 

Ademais, continua, "Díaz Pardo, en colaboración con outras figuras da cultura galega e nomeadamente con Luís Seoane, vai crear unha verdadeira industria cultural. Arredor da fábrica van ir xurdindo outras iniciativas, como o Museo Carlos Maside, a editorial Ediciós do Castro, o Laboratorio de Formas de Galicia, o Laboratorio de Industria e Comunicación do Castro, que acolleu ao Laboratorio Xeolóxico de Laxe, etc". 

 

Igualmente, a asociación cre necesario visibilizar a figura de Carmen Arias de Castro "Mimina", esposa de Díaz Pardo, sen cuxa participación activa non sería posíbel a obra de Isaac tal como é coñecida. 

Ela "coordina a decoración da porcelana, creando numerosos deseños, xoga un papel fundamental como mestra de decoradoras e concibe e leva á práctica a produción de xoias en porcelana ", declara o escrito.

Así mesmo, destacan a necesidade de coherencia na actuación da propia Dirección Xeral de Patrimonio -que declarou ben de interese cultural o conxunto da fábrica de Cervo e pretende limitalo en Sada ao museo Carlos Maside- e de "garantir o desenvolvemento normal da actividade empresarial no Castro".   

 

Comentarios