A Deputación de Lugo presenta o volume 'A Vangarda das Formas' sobre a obra cerámica de Isaac Díaz Pardo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentou esta mañá no Museo do Mar de San Cibrao a publicación  A Vangarda das Formas. Obra Cerámica de Isaac Díaz Pardo, que repasa a evolución creativa de Díaz Pardo como ceramista dende finais dos anos corenta do século pasado ata os seus últimos deseños, xa no século XXI.
Maite Ferreiro conversa con Daniel Díaz, neto de Isaac Díaz Pardo. (Foto: Vicepresidencia Deputación de Lugo)
photo_camera Maite Ferreiro conversa con Daniel Díaz, neto de Isaac Díaz Pardo. (Foto: Vicepresidencia Deputación de Lugo)

O volume A Vangarda das Formas. Obra Cerámica de Isaac Díaz Pardo foi presentado hoxe pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O volume leva ao papel o traballo desenvolvido para a exposición de título homónimo realizada no Museo de Lugo en 2013, no ano seguinte á morte do artista e intelectual. Coordinada por Fernando Arribas Arias e Teresa Pena Moreda, comisarios daquela mostra monográfica e antolóxica, o libro, editado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, recolle reproducións das máis de 350 pezas que integraron a mostra, ademais de debuxos e bosquexos de Isaac Díaz Pardo.

Figura "imprescidíbel da Galiza"

A vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, sinalou que a publicación “dá un novo percorrido a un proxecto que supuxo un fito moi relevante ao ser a primeira gran mostra que se fixo sobre a obra cerámica de Isaac Pardo” e “atende, coida e divulga o legado artístico dunha figura imprescindíbel da Galiza traballadora, anovadora, moderna e defensora da súa identidade como é a de Isaac Díaz Pardo”.

Ferreiro incidiu tamén “na pegada de Isaac Díaz Pardo neste concello (San Cibrao) e nesta comarca. Unha pegada que trascende o artístico, porque a fábrica de Sargadelos, inaugurada en 1970, marcou tamén o desenvolvemento económico e social da Mariña” xa que, lembrou, “supuxo o acceso  ao mercado laboral e os primeiros salarios para moitas mulleres e converteu este concello nun lugar peregrinación para ceramistas, artesáns, artistas de todo mundo que viñan formarse a Sargadelos”.

“Cremos que as institucións públicas debemos comprometernos na defensa dese legado, de xenialidade artística e compromiso social. E entendemos que a publicación deste catálogo, aínda que sexa modestamente, nos sitúa nese camiño”, concluíu na súa intervención durante a presentación, que encheu a sala do Museo do Mar.

A publicación ordena os contidos seguindo unha secuencia cronolóxica que reflicte tamén a evolución creativa, cunha etapa pictórica (1948-1955) na cal reproduce nas pezas cerámicas as características da súa obra pictórica tanto nas formas como na súa produción cromática.

Unha etapa entre os anos 50 e 60 en que entra de cheo no deseño industrial aplicando os novos principios tanto a nivel estético como á concepcion empresarial, con deseños máis abstractos e xeométricos, e que culmina na creación do Laboratorio de Formas xunto a Luis Seoane; e unha terceira etapa, ligada á recuperación de Sargadelos, na cal os deseños adquiren formas totalmente anovadoras e supoñen verdadeiros alardes técnicos: deseños modulares e amontoábeis ou figuras articuladas, nas que chega a empregar ata corenta elementos na súa composición.

Comentarios