luns 01/03/21

Sermos profundiza no festexo "popular" da figura de Rosalía

O semanario dedica a reportaxe de apertura á recoñecida autora galega cando se conmemoran dez anos da creación do Día de Rosalía, que tivo unha grande acollida entre a sociedade galega. Neste novo número, que atoparás mañá en quiosques e noutros puntos de venda habituais -aliás da nosa tenda en liña- tamén se fai unha lembranza intento do golpe de Estado do 23-F. Non perdas a oportunidade de ter nas túas mans unha edición irrepetíbel!
Capa Sermos
Ilustración de Rosalía de Castro. (Autor: Álex Rozados)

O Día de Rosalía chega ao seu décimo aniversario coma unha data marcada no almanaque das e dos galegos e o Sermos Galiza fai unha parada en analizar a orixe e a evolución desa homenaxe no texto 'Dez anos celebrando Rosalía. Unha festa popular'.

Na reportaxe de apertura deste número o xornalista Manuel Xestoso pon o foco sobre a efeméride, que naceu para "festexar" a literatura e o libro galego pero que tivo un percorrido máis amplo, tomándose como referencia para gran parte da cidadanía.

O 24 de febreiro, coincidindo co aniversario do nacemento da poeta, "é xa unha data na que a sociedade galega se contempla a si mesma para entenderse e recoñecerse", pois dalgunha forma recolleu a iniciativa en forma de convite para amosar o orgullo cultural.

A entrevista desta semana, baixo o título 'Manuel Castelo Mexuto. Pondal como fundador da patria', repasa o ensaio A máquina ousada, que fai unha lectura de Queixumes dos pinos. Castelo conversa con Manuel Xestoso de libros, de piñeiros, de literatura...

Imaxe da capa do semanario, obra de Álex Rozados.

Este sábado tamén é tempo de botar a vista atrás para lembrar aquela tentativa de golpe de Estado do 23-F. Manuel Monge asina 'O franquismo que non cesa. Por que continúan os manifestos dos militares franquistas?'. Na análise fala, por exemplo, de que o rei emérito nunca chegou a condenar "a sublevación do 36" e de que moitos "golpistas conservan títulos nobiliarios".

No Andar e Ver, o Colectivo Xea formado por Xan Colazo, Mon Daporta e Adela Leiro considera que é tempo de visitar 'A costa do Vicedo'.

Neste novo Sermos tamén hai tempo para aprender de libros con Mario Regueira e Susana Sanches Aríns. Pola súa parte, Belém Tajes e César Morán fan un repaso pola música, mentres que Andrés Castro fornece algunhas propostas cinematográficas para a fin de semana.

Manuel Xestoso e Vanesa Sotelo ocúpanse dos textos do apartado de Escena. Para fechar o Sermos Galiza, atoparás os pasatempos creados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Se queres gozar do semanario nesta edición tan especial non tes máis que procurala mañá, xunto co Nós Diario, nos quiosques e demais estabelecementos habituais, así como na nosa tenda en liña para a súa lectura na nube. Non perdas máis números por non ter a subscrición feita, apura!

comentarios