O músico Xabier Díaz protagoniza o 'Sermos Galiza' desta semana

Aliás, analizamos o videoxogo 'The Waylanders', que traslada a Galiza celta ás pantallas.
Montse González entrevista o músico Xabier Díaz. (Foto: Marcos Budiño)
photo_camera Montse González entrevista o músico Xabier Díaz. (Foto: Marcos Budiño)

Esta sexta feira atoparás nos quiosques, xunto ao teu exemplar de Nós Diario, o suplemento semanal Sermos Galiza, que abre cunha reportaxe de Iago Suárez titulada 'A milenaria lamprea'.

Nesta peza analiza esta especie que habita os ríos galegos desde hai máis de 500 millóns de anos. Co seu corpo alongado e a súa boca repleta de dentes, leva alimentando incontábeis xeracións de galegas e galegos.

Entrevista a Xabier Díaz

A entrevista desta semana corre a conta de Montse González, que fala co artista Xabier Díaz, que vén de publicar o seu último disco, As catedrais silenciadas. Levantarse e caer.

"Eu sempre me tiven por unha persoa de perfil medio ou baixo. Como músico nunca tiven o éxito como algo moi presente, probabelmente tamén polo medo que me acompañou desde cativo. Xa era consciente da presión que supuña que che dixesen que se querías gañar diñeiro tiñas que ser o primeiro en todo: o primeiro da túa promoción na carreira, o primeiro xogando ao fútbol na escola... ", conta o músico.

A Galiza celta, en videoxogo

Por outra parte, Xosé Barros fai unha reseña do videoxogo The Waylanders, que traslada a Galiza celta ás pantallas.

"Un dos estereotipos ou prexuízos máis comúns en canto á orixe celta da Galiza é que se trata dunha teoría ancorada nas correntes decimonónicas do historicismo do país, sen ningún tipo de arraigo na sociedade actual. Porén, proxectos como o videoxogo de rol The Waylanders, da compañía coruñesa Gato Studio, fan moito por achegar ao público xeral os vínculos entre o celta e o noso país, e serven de ferramenta normalizadora do pasado", salienta o xornalista.

Música, arte e lecer

O apartado musical corre a conta de Olga Brañas e Herminio González, que traen as últimas novidades, e Fernando Montenegro, cun artigo titulado 'Un novo compositor na Galiza', en relación á figura de Bartolomé Olagüe.

Como vén sendo habitual, o experto en cinema Andrés Castro analiza os filmes máis destacados, a comezar por Mass, de Fran Kranz, mentres Pepe Barro ofrece na sección de Deseño unha peza titulada 'Unha biografía artística'.

Noutra orde, Mario Regueira debulla o libro O neno de lume, de Ledicia Costas, mentres Manuel Barreiro analiza a obra de banda deseñada O voo da curuxa, de Inacio e Iván Suárez. Aliás, o colectivo Xea dá unha visión da riqueza do encoro de Pontillón de Castro e o monte Acibal.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Lembra que podes atopar o Sermos Galiza esta sexta feira acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por tres euros!

Comentarios