O sábado non hai xornal

Teresa Táboas e a tempada de lamprea, no 'Sermos Galiza' desta sexta feira

Adiántase a publicación da revista cultural de 'Nós Diario' polo descanso da prensa, que non sairá o sábado.
Detalles do novo 'Sermos Galiza'.
photo_camera Detalles do novo 'Sermos Galiza'.

Este sábado, 8 de abril, os xornais non sairán das rotativas por mor dun dos tres descansos que a prensa en papel toma ao longo do ano, o Venres Santo, festivo estabelecido pola Lei de Prensa que se suma ao 1 de xaneiro, Aninovo, e o 25 de decembro, Nadal. Con todo, a edición dixital de Nós Diario (nosdiario.gal) non parará de funcionar durante estes días, pois fica operativa e actualizada os 365 días do ano. Mais o xornal impreso non se distribuirá o sábado, polo que se adianta a esta sexta feira, día 7, a publicación do semanario Sermos Galiza canda o diario, polo prezo habitual dos sábados de 3,20 euros.

Neste novo número da revista cultural que distribúe Nós Diario a protagonista é a arquitecta Teresa Táboas (Cidade de México, 1961), que foi entrevistada por Antón Escuredo aproveitando a palestra na que interveu, sobre urbanismo e xénero, organizada polo BNG de Lugo no marco das actividades do pasado 8 de marzo. Táboas viviu a emigración familiar en primeira persoa e tivo a posibilidade de medrar profesionalmente no seu país. A súa chegada á Consellaría de Vivenda e Solo da Xunta da Galiza, entre 2005 e 2009, abriulle as portas da xestión pública, nunha etapa na que puxo en práctica ideas e proxectos.

"Cando falamos de feísmo esquecemos falar de certo tipo de obras públicas que tamén afean o territorio. É o debate que temos na actualidade cos parques eólicos. Tamén aconteceu coas infraestruturas viarias e os equipamentos públicos que estragan o público", sinala nesta conversa en resposta a unha pregunta sobre o concepto do 'feísmo' urbanístico.

Tempo de lamprea

O Sermos Galiza desta sexta feira abre cunha reportaxe, asinada tamén por Antón Escuredo, sobre o inicio da tempada da lamprea, un animal significativo polo seu aspecto, o seu sabor e a maneira de traelo á mesa de maneira artesanal, continúa. De feito, do 28 ao 30 de abril decorrerá a LXIII Festa da Lamprea de Arbo, declarada de Interese Turístico Internacional. Precisamente, as mostras gastronómicas transformaron e popularizaron o seu consumo alén das nosas fronteiras, sempre mantendo as raíces culinarias. O seu futuro, porén, dependerá da estabilidade do seu hábitat.

Considerado un animal milenario, anterior aos dinosauros, vive no planeta desde antes de que a especie humana existise e habita nos ríos galegos desde hai máis de 500 millóns de anos. Este "peixe" sen mandíbulas (taxonomicamente non se pode incluír neste grupo) semella unha anguía coa boca circular adaptada para adherirse ás súas presas. Ten sete pares de aberturas que parecen ollos, dispostas en fila a ambos os dous lados da súa cabeza, e dúas aletas dorsais e unha caudal permítenlle remontar o río de maneira máis áxil.

As imaxes do común

En maio de 2021, os prestixiosos antropólogos Gustav Henningsen e Marisa Rey doaron ao Museo do Pobo Galego o seu valioso arquivo fotográfico. Como agradecemento ao matrimonio, esta institución organizou a mostra titulada 'Co sentido do común. Homenaxe a Gustav Henningsen e Marisa Rey', que estará aberta até o próximo 30 de abril do presente ano. A exposición busca a reflexión das persoas espectadoras sobre a relevancia do traballo comunitario, tan característico da sociedade tradicional galega, principalmente no medio rural. Disto fálanos Mar Álvarez na segunda reportaxe deste Sermos.

"Todo este arquivo xa está dixitalizado, entón púxenme a traballar na selección das fotos. Nun principio, a temática da exposición ía estar dirixida aos traballos femininos na nosa sociedade tradicional pero, por diferentes circunstancias, cambiamos o enfoque e decidimos centralo no colaboracionismo veciñal no rural e nas axudas mutuas", explica o museólogo e comisario da mostra, David Conde.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira analiza na sección de Libros as últimas novidades no sector, a comezar pola obra Vémonos mañá, de Xosé Monteagudo (Xerais, 2023), e Manuel Barreiro aborda a obra de banda deseñada O reiciño de Galiza, de Inácio e Iván Suárez (Demo Editorial, 2023). Pola súa parte, Olga Brañas achéganos no apartado musical a Aquí, o último álbum de De ninghures (Autoeditado, 2022), e Xaneco Tubío asina o artigo 'Xa imos na 30 mostra', sobre o aniversario do tradicional evento organizado cada ano pola Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas (AGG).

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme O imperio da luz, de Sam Mendes (Reino Unido-EUA, 2022), así como outros títulos de estrea. Aliás, Sole Felloza escribe na sección Patrimonio oral sobre 'As gardiás da memoria'.

A maiores, Lázaro Armental achéganos ás tendencias actuais en arquitectura urbanística e Pepe Barro fala d'O número vermello na sección de Deseño. Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa, mentres o texto que dá a benvida a este novo número leva a sinatura da escritora Olga Novo e titúlase 'Palabra de paxaro'.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!

Comentarios