sábado 27/11/21

Sermos Galiza fúndese coa creatividade saída da Facultade de Belas Artes

O semanario recolle este sábado unha entrevista á banda Sumrrá e unha ampla reflexión sobre a poesía e a súa ligazón co mar, aliás de repasar os 30 anos da titulación da Universidade de Vigo. Atoparás o 'Sermos' nos quiosques e puntos de venda habituais mañá mesmo xunto co 'Nós Diario', mais tamén podes mercalo a través da nosa tenda en liña.
Imaxe da reportaxe de apertura do semanario. (Foto: Nós Diario) #sermos #sermosgaliza #semanario #sumrrá #facultadebelasartesvigo #uvigo #poesía #deseño #literatura #música #libros #cinema
Imaxe da reportaxe de apertura do semanario. (Foto: Nós Diario)

Onde naceu a creatividade que dá lugar a unha parte da arte galega actual? Que ofrece o disco 7 visións de Sumrrá? Por que o mar aparece como referencia en moitos poemas? Se queres resolver todas estas dúbidas non podes perder o novo número do Sermos Galiza, que mañá mesmo estará á venda.

Nesta ocasión, da man de Lois Alcayde vas poder descubrir os 30 anos de historia que ten ás súas costas a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo en 'Democratizármonos coa arte'. O autor explica a transcendencia e a pegada que esta institución académica deixou na creatividade e, en definitiva, na obra de varias xeracións de artistas galegos.

Ademais de fundirse coa arte tanxíbel, o semanario tamén bota man -e ouvido- da música coa axuda do xornalista Manuel Xestoso. En 'Sumrrá. Visións sobre o jazz', entrevista ao baixista Xacobe Martínez Antelo dando lugar a unha conversa na que teñen cabida o cambio de visión do sector, a precariedade, as propostas creativas e os segredos do seu último traballo discográfico, 7 visións, por adiantar algunhas cuestións.

Pola súa parte, Tensi Xesteira propón aprender máis sobre 'A poesía que sabe a salitre'. A autora fai fincapé na pegada do mar na arte literaria e, en concreto, nos poemas. Así fala tanto da natureza inspiradora como do mar como reivindicación ou como lembranza dunha ausencia.

Para descansar dun repaso tan amplo por diversas opcións artísticas, o Colectivo Xea -formado por Xan Colazo, Mon Daporta e Adela Leiro- marca o paso para Andar e Ver 'Os Verdes', un espazo natural envexábel que abraza o río Anllóns ao seu paso por Coristanco. Alí pódese camiñar, pero tamén hai quen madruga para coller mesa e botar unha xornada de merenda nun ambiente calmado.

Se optas por esta última opción, por exemplo, para dentro duns días podes acompañar a visita turística dos libros dos que falan esta semana Mario Regueira e Susana Sanches Aríns. Ou podes levar a música recomendada por Belém Tajes e César Morán.

Tampouco esquezas que as visións sobre o cinema e a escena teatral corren a cargo de Andrés Castro e Manuel Xestoso, respectivamente. Ao final  atoparás os divertidos e enxeñosos pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

Xa non podes agardar máis? Merca Sermos Galiza, xunto co Nós Diario, mañá no teu quiosque ou fai a compra na nosa loxa en liña. Para evitar estas ansias de última hora tamén tes a posibilidade de facer a subscrición neste mesmo momento!

Sermos Galiza fúndese coa creatividade saída da Facultade de Belas Artes
comentarios