A Semana do Cinema Euroárabe comeza cunha palestra sobre Israel e Palestina

AMAL 2023 proxectará un filme por xornada entre a terza feira e o sábado.
Miriam Louzao, Ghaleb Jaber e Anxo M. Lourenzo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Miriam Louzao, Ghaleb Jaber e Anxo M. Lourenzo (Foto: Nós Diario).

A Semana de Cinema Euroárabe AMAL 2023 inaugurarase esta segunda feira cun coloquio sobre a situación actual derivada do conflito entre Israel e Palestina, ás 21 horas no Teatro Principal de Santiago.

Nesta palestra intervirán o patrón da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas e codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (Iecah), Jesús Núñez, e a xornalista e directora adxunta do diario Público, Esther Rebollo.

Segundo explicou a entidade nun comunicado, os relatores repasarán as raíces históricas e socioeconómicas que "alimentan" esta contenda de Oriente Medio, así como os seus últimos acontecementos, a estratexia bélica, o estado da información e a desinformación e, finalmente, a crise humanitaria e as consecuencias para a poboación.

A asistencia é gratuíta, mais deberase retirar previamente unha invitación na páxina web de Ataquilla ou en Teatro Principal, nun prazo que rematará unha hora antes do comezo desta sesión de debate e reflexión.

Así, baixo o lema 'Ninguén está a salvo' e cunha imaxe sombría en cor negra, esta edición rende homenaxe ás persoas falecidas na traxedia do terremoto de Marrocos, ás que sufriron as inundacións de Libia e ao pobo palestino.

Proxeccións

As proxeccións desta cita serán desde esta terza feira 24 de outubro até o sábado 28 de outubro no Teatro Principal de Santiago de Compostela. Durante esas xornadas proxectaranse un total cinco cintas que se poderán ver nun pase único por xornada a partir das 21 horas.

Na sesión da terza feira proxectarase Conspiración no Cairo, un filme no que Adam, fillo dun humilde pescador, emprende unha viaxe ao Cairo para estudar na prestixiosa Universidade de Al-Azhar, centro de poder do Islam sunnita. Sen ser consciente, o rapaz converterase nun peón do conflito entre as elites relixiosas e políticas de Exipto.

Entre as figueiras será o filme da cuarta feira desta semana do cinema. Nunha cinta localizada no noroeste de Tunisia, as personaxes protagonistas, Sana, Fidé, Melek e Abdou traballan recollendo figos. Baixo o testemuño das árbores e co sol abrasador como pano de fondo, desenvolven novos sentimentos, discuten, coquetean e intentan entenderse. A horta convértese así nun teatro de emocións no que se representan os soños e as esperanzas de cada un deles.

Na quinta feira poderase ver The Sage, que nos mostra a vida de Jaber, un médico ancián que vive nunha desolada cidade siria despois de que a guerra obrigase a fuxir á maioría dos residentes. Valéndose dos seus coñecementos e do seu carácter cordial e retranqueiro, trata de aliviar o sufrimento dos seus veciños mentres cura as súas propias cicatrices: a morte da súa única filla, Shams.

Little Palestine, Diary of a Siege será o filme da sexta feira. Este documental xira arredor do distrito de Yarmouk, en Damasco, Siria, que foi o campo de refuxiados palestinos máis grande do mundo até 2018. O Goberno de Bashar Al-Assad considerábao un refuxio de rebeldes, e comezou unha campaña de asedio sobre o territorio a partir do ano 2013. Neste escenario entra en xogo Abdallah Al-Khatib, que xunto aos seus amigos documentaron a vida cotiá dos habitantes, dando lugar a esta película.

O sábado será a última das sesións, coa proxección de O Caftán Azul, na que Halim, un xastre de mediana idade, dirixe coa súa muller un pequeno negocio na antiga medina de Salé, Marrocos. A relación entre eles, que oculta un gran segredo, vese afectada pola chegada dun mozo aprendiz, Youssef.

Comentarios