“Orgullo, legado e cultura”, palabras chave para a axenda do Amal 2021

A Semana do Cinema Euroárabe Amal decorrerá entre o 25 e o 29 de outubro en Compostela. Haberá un pase diario ás 21 horas. Desde a organización destacaron que varios dos filmes integrados na proposta desta XIX edición do certame son estrea absoluta na Galiza ou en España.
A concelleira de Acción Cultural de Compostela, Mercedes Rosón, o director do festival Ghaleb Jaber e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. (Foto: AMAL) #amal #compostela #cinema
photo_camera A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, o director do festival Ghaleb Jaber e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. (Foto: AMAL)

“Orgullo, legado e cultura”. Son para o director da Semana de Cinema Euroárabe Amal, Ghaleb Jaber Martínez, as palabras chave que sintetizan os 19 anos de historia que acada este ano o festival de cinema, mais tamén poden resumir as propostas desta edición -do 25 ao 29 de outubro en Compostela- que chegan en forma de tres relatos de ficción e dous documentais. 

O propio Jaber aclarou na presentación, que tivo lugar nesta cuarta feira, que o orgullo alude á historia do ciclo irremediabelmente unido ás rúas de Compostela.

“Durante tantos e tantos días, as pedras molladas da cidade documentaron fotograma a fotograma o que somos hoxe e sentímonos profundamente orgullosos e orgullosas diso”, sinalou. Ao apuntar ao legado, lembrou como comezou este proxecto da Fundación Araguaney-Puente de Culturas. 

“A cultura trata de emocionarnos, de deixarnos ese legado emocional para facernos sentir algo mellor neste mundo”, destaca Jaber

Desde o seu punto de vista, “Amal pasou por múltiples formatos, máis grandes e máis modestos, pero podemos mirarnos no espello coa satisfacción de ter dado o mellor de nós para alcanzar este obxectivo”. O director aclarou o vínculo coa cultura agradecendo o traballo das persoas que se involucraron nalgún momento co proxecto.

“A cultura trata de emocionarnos, de deixarnos ese legado emocional para facernos sentir algo mellor neste mundo”, dixo, e desde logo tamén será un dos obxectivos dos filmes escollidos. 

A primeira sesión será o día 25 e terá como protagonista o documental Gods of Molenbeek. O día 26 pasarase a película Gaza mon amour e o 27 o documental Lift like a girl, que se verá por primeira vez no Estado español.

Aliás, o día 28 You will die at 20 será estrea na Galiza e o 29 fechará a semana 200 metros. Haberá un pase único por día, ás 21 horas, e as entradas poden mercarse en liña ou na billeteira do Teatro Principal unha hora antes das sesións. 

Comentarios