O ciclo de cinema euroárabe 'Amal en Ruta' regresa ao Teatro Principal de Pontevedra

As temáticas referidas á muller e á infancia serán protagonistas nesta edición.
'1982', de Oualid Mouaness.
photo_camera '1982', de Oualid Mouaness.

O ciclo de cinema euroárabe 'Amal en Ruta' regresa ao Teatro Principal de Pontevedra desde esta segunda feira  até o 8 de setembro. Este ano, o ciclo de cinema constará de tres ficcións e dous documentais –en versión orixinal subtitulada–, que supoñen un percorrido polo mellor cine árabe da actualidade. As cinco películas que se proxectarán de forma gratuíta, ás 21 horas no Teatro Principal, abordan temáticas sobre a muller e a infancia.

Trátase de tres longametraxes de ficción e dous documentais, que tiveron un "considerable recoñecemento" nos principais festivais de cinema internacionais.

Para a segunda feira, día 4 de setembro, programouse a longametraxe de ficción 1982, primeira película dirixida por Oualid Mouaness que acabaría sendo seleccionada para representar ao Líbano na 92ª edición dos Premios Óscar en 2020.

 

O día 5 de setembro, poderase ver The Captains of Zaatari, un documental de Ali El Arabi que conta a historia de dous amigos sirios que viven en Zaatari, un campo de refuxiados de Xordania, e que soñan con converterse en xogadores de fútbol profesionais.

O 6 de setembro, será a quenda para a longametraxe de ficción Farha, da directora xordana Darin J. Sallam que relata a historia dunha adolescente na Palestina do ano 1948 cando as forzas de ocupación israelís invaden a súa aldea e cercan o seu domicilio.

A programación continúa a quinta feira, 7 de setembro, co documental Maior que segue os pasos de Musa Hadid, alcalde de Ramallah, capital de facto e centro cultural do estado palestino.

Por último, a sexta feira 8 de setembro, péchase o ciclo con You resemble me película da directora Dina Amer que conta a historia dunha moza criada nos suburbios de París cunha vida marcada polos abusos, a pobreza e a marxinación.

Comentarios