Ruth Matilda Anderson, tradutora da Rosalía de Castro feminista e galeguista

A investigadora Alba Rodríguez Saavedra analiza nun artigo recente como a fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson foi pioneira na tradución de Rosalía de Castro ao inglés, e como este achegamento á súa obra serviu para dar unha visión que adiantaba en varias décadas a imaxe que agora temos da autora.
Ruth Matilda Anderson, en Oseira, en 1925.
photo_camera Ruth Matilda Anderson, en Oseira, en 1925.

Ruth Matilda Anderson é un nome que asociamos inmediatamente coas fotografías que realizou durante a súa viaxe á Galiza entre 1924 e 1926. Naquela viaxe percorreu o país e retratou milleiros de persoas, deixando un legado etnográfico de valor incalculábel. Mais o mergullamento da fotógrafa na cultura galega foi máis alá, como demostra o libro Gallegan Provinces of Spain: Pontevedra and La Coruña, que publicou en Nova York en 1939 e que continúa a ser un gran descoñecido para o público galego. A investigadora Alba Rodríguez Saavedra vén de publicar un artigo na revista Viceversa, “De Rosalía de Castro a Ruth Matilda Anderson. Feminismo e paratradución”, no que recupera unha faceta inédita de Anderson, a de tradutora de Rosalía de Castro. No seu libro, a fotógrafa incluíu o maior número de traducións ao inglés de textos da poeta recollidos nunha soa publicación antes de 1964. 

“En 2008 comecei a traballar coa  entidade  que  actualmente  se  denomina Afundación no catálogo da grande exposición que se organizou para mostrar as fotografías de Ruth Matilda Anderson e traballamos en conxunto coa Hispanic Society of America, que é a institución que custodia e que é propietaria de todo o material de Anderson”, explica Alba Rodríguez a Nós Diario. “O contacto con Patrick Lenaghan, xefe do Departamento de Estampas e Fotografías da Hispanic Society levoume a descubrir o libro de Anderson. E nel atopei unha peza que, curiosamente non se coñecía aquí, e que era valiosísima para a nosa cultura, a nosa historia e as nosas letras”. 

Rodríguez reparou nas traducións de seis poemas de Rosalía e dun fragmento do prólogo de Follas novas. “Chamoume a atención ese impacto da literatura galega nun sistema cultural tan dominante como o estadounidense nunha data tan temperá como 1939”, lembra a investigadora. “A partir de aí, comecei un proceso de busca que me leva á conclusión de que, non son os primeirísimos textos de Rosalía que se traduciron ao inglés, mais si as primeiras traducións feitas a partir do orixinal galego e non a través do castelán. Anderson comprometeuse coa cultura galega até o punto de aprender a lingua”. 

“Rosalía é unha voz activa que reivindica a muller e o país galego. E a mirada de Anderson descobre esa autora feminista e galeguista que desmonta o retrato costumista, vitimista e laiante que se promocionaba daquela”, declara Alba Rodríguez

Feminista e galeguista 

No seu artigo, Alba Rodríguez chama a atención sobre dous elementos moi rechamantes e que están relacionados entre si. Por unha parte, a perspectiva de Anderson, que dá unha visión de Rosalía moi afastada da que se difundía na Galiza da época. “Rosalía é unha voz activa que reivindica a muller e o país galego. E a mirada de Anderson descobre esa autora feminista e galeguista que desmonta o retrato costumista, vitimista e laiante que se promocionaba daquela”. 

Anderson recorre, por exemplo, ao poema “San Antoniño” para exemplificar como Rosalía denuncia a submisión das mulleres desde a ironía, presentando unha moza que devece por atopar un home aínda que a mate ou a esfole. Ou a “Castellanos de Castilla”, para explicar o sentimento “rexionalista” que emerxe na Galiza. 

“Creo que iso ten unha grande importancia na consideración de Anderson, porque realmente, a lectura que fai de Rosalía adiántase en varias décadas á transformación da imaxe de muller chorimiqueira que se iniciou aquí moito despois, cando se iniciou a lectura dos seus escritos en chave feminista e nacionalista”, apunta Rodríguez. “Probabelmente, iso ten que ver con que ela se enfronta a Rosalía cunha mirada moi fresca, sen contaminar por esa tradición que a representaba como unha mater dolorosa. E daquela, constrúe unha imaxe que non se corresponde en absoluto coa que se transmitía aquí”.

"A cuestión é que esas traducións permaneceron sen coñecerse e que o libro de Anderson, malia a súa importancia para o noso sistema cultural, segue sen estar traducido ao galego"

O silencio

O segundo punto que sorprende é o silencio sobre estas traducións e, en xeral, sobre o libro de Anderson. “Resulta moi estraño que non houbese rexistro ningún destas traducións. Especialmente, porque cando se edita o libro en Nova York, Castelao está nesa cidade estadounidense e el xa tivera contacto previo con Ruth Matilda Anderson. Resulta  pouco  probábel  que  Castelao descoñecese a saída do prelo da obra de Anderson", lembra Rodríguez. 

É certo que 1939 é o ano da vitoria definitiva dos fascistas e que a depuración cultural que seguiu puido influír na demora do coñecemento do libro de Anderson. E tamén, como a propia Alba Rodríguez apunta no seu artigo, que a diverxencia política entre o exilio galego e os responsábeis da Hispanic Society -simpatizantes do Partido Republicano- puidese provocar  unha  ausencia  de  comunicación entre eles. Mais iso non explicaría por que as traducións de textos de Pondal presentes no libro si están catalogadas e non as composicións de Rosalía. 

"Quizais temos que pensar en que esa visión progresista que dá Anderson -que por certo, tamén era votante do Partido Republicano- era excesivamente disonante para a intelectualidade galega da altura, que tiña daquela unha posición hexemónica", suxire Rodríguez. "Son perspectivas moi diverxentes e talvez nin sequera houbo quen se cuestionase a necesidade de reformular unhas perspectivas que xa viñan dadas: todos somos fillos do noso tempo. Mais a cuestión é que esas traducións permaneceron sen coñecerse e que o libro de Anderson, malia a súa importancia para o noso sistema cultural, segue sen estar traducido ao galego".

Unha obra de referencia

Hai unha característica que singulariza o estudo do país realizado por Anderson, segundo Rodríguez. "Utiliza como fonte de información principal as mulleres do rural. Considéraas depositarias do patrimonio oral. Só cando precisa completar o seu retrato con cuestións de carácter institucional,  acode  a  entidades  oficiais,  en mans  masculinas. Isto sitúaa como pioneira dos estudos feministas que consideran que a historiografía é un discurso eminentemente masculino, mentres que a tradición popular é patrimonio feminino. A súa é unha obra no que a historia non pertence aos heroes, aos nomes propios, senón á xente do común. Xente que en colectividade constrúe un país. Por iso o seu libro debería ser unha obra de referencia dentro da nosa cultura".

Comentarios