Noventa anos do desembarco en Vigo da americana que tirou máis de 5.000 retratos de Galiza

O 7 de agosto de 1924 a fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson desembarcaba no porto de Vigo. Comezaba hai agora noventa anos unha viaxe na que ía tirar máis de 5.000 fotografías que comporían o magnífico retrato da Galiza dos anos vinte. 

Ruth Matilda Anderson
photo_camera Ruth Matilda Anderson

O que atopou a fotógrafa americana Ruth Matilda Anderson nos anos vinte na Galiza queda á vista nos máis de 5.000 retratos que tirou de cidades máis tamén de aldeas case incomunicadas nas que  a súa presenza tiña que ser abondo perturbadora. Unha muller nova, armada con cámaras fotográficas que se interesaba por costumes, paisaxes e persoas e que pedía mesmo entrar nas casas para recoller a forma de vida non era habitual por camiños e corredoiras polas que Anderson transitou. 

Filla do fotógrafo Alfred Theodore Anderson, con quen se formou, a primeira viaxe a Galiza faina acompañada de seu pai, nunha expedición fotográfica encargada pola Hispanic Society of America que ía comezar o 7 de agosto de 1924 e se prolongaría durante trece meses ate o 28 de agosto de 1925. 

Varias viaxes

Nada escapa ao obxectivo de Ruth Matilda, os labores do campo e da casa, os distintos oficios, as comidas, os traxes ou as paisaxes son recollidos polas súas cámaras no inmenso álbum de imaxes da Galiza dos anos vinte asinados pola fotógrafa.  Volverá aínda á nosa terra o 14 de novembro de 1925 xunto coa fotógrafa Frances Spalding para fotografar, desta volta, as provincias da Coruña e Pontevedra antes de, xa na súa derradeira visita, deterse uns días en Ourense de viaxe a Zamora en 1926. A imaxe das dúas mulleres conducindo un automóbil For ate onde chegaba e interesándose polos costumes, festas e tradicións e retratando a vida cotiá de vilas e aldeas era abondo singular nos anos vinte galegos, unha visita inaudita que deixaría un impresionante legado á memoria gráfica do país. 

A fotógrafa nacera en Nebraska en 1893 e en 1921 entrara a traballar na The Hispanic Society of America, centro ao que estaría vencellada durante toda a vida e onde desenvolvería o seu labor profesional, en especial, como conservadora de fotografía. 

En 1998 unha selección das súas imaxes de Galiza foron recollidas na exposición que se abriu na Igrexa da Universidade de Santiago comisariada por José Luís Cabo e en 2011 da man de Miguel Anxo Seixas e Patrick Lenaghan seleccionábanse 439 fotografías para a exposición “Ruth Matilda Anderson. Unha mirada de antano” que se inauguraría na Coruña. Este mesmo ano no que se conmemora o noventa aniversario da súa chegada ao país, edicións Xerais dedícalle o seu almanaque anual no que, cun prólogo de Manuel Rivas, inclúe 13 fotografías da autora. 

Comentarios