Unha ruta por Lisboa revela as pegadas da comunidade galega nesa cidade

Alberte Campos e Carlos Callón guían unha actividade do Movimento Aú que explica a importancia da presenza galega na capital de Portugal.
Participantes na ruta no Largo do Carmo, en Lisboa (Foto: Nós Diario).
photo_camera Participantes na ruta no Largo do Carmo, en Lisboa (Foto: Nós Diario).

A divulgación da presenza galega en Lisboa é un dos obxectivos do Movimento Aú, un colectivo que recolle o seu nome do berro de chamada que empregaban, en especial entre 1700 e 1850, os algo máis de 3.000 galegas e galegos que distribuían auga nesa cidade.

Alberte Campos e Carlos Callón, representantes desta iniciativa, realizaron esta pasada fin de semana un percorrido polo centro da capital portuguesa explicando, como apuntan nun comunicado, que "desde o século XII e cunha forza especial no XVIII e na primeira metade do XIX, cando 20% da poboación lisboeta chegou a ser directamente galega; neses momentos, se a comunidade galega parase a súa actividade, Lisboa pararía". 

No itinerario, detivéronse a falar tamén da importancia da emigración galega no mundo da restauración.

"Podémolo ver na historia de moitos restaurantes e bares, mais tamén en aspectos tan emblemáticos como a ginjinha, que é considerada a bebida máis típica de Lisboa, mais que foi creación dun galego: Francisco Espiñeira Couziño", sinala Alberte Campos. "Ademais, hai restaurantes de galegos que foron clave para algúns movementos fundamentais da literatura portuguesa, como o antigo Irmãos Unidos do Rossio, onde naceu a revista Orpheu dirixida por Fernando Pessoa", expón Callón, "e un dos fundadores desta publicación e familia dos donos do restaurante foi o poeta galego-portugués Alfredo Guisado, que dedicou algúns dos seus textos a Castelao, colaborou co agrarismo e co nacionalismo galego e tentou impulsar un Banco Galiza-Portugal", observa. 

De Fernando I á 'Revolução dos Cravos'

As persoas que participaron no roteiro tamén repetiron a coro as primeiras palabras que, segundo as crónicas, dixo Fernando I, o último rei común galego-portugués, cando foi recibido con grande apoio popular na cidade da Coruña. Este monarca está enterrado no Convento do Carmo.

No percurso falouse tamén dunha grande dama do teatro portugués, Manuela Rey, nada en Mondoñedo e tamén de como Celeste Caeiro -filla dun casal galego- foi a que distribuíu as primeiras flores que deron nome á Revolução dos Cravos; dos nomes de rúas que foron distintivos da comunidade galega e moito máis.

Como concluíu Alberte Campos, "mulleres e homes da Galiza teñen un papel destacado en todos os grandes momentos da Historia de Portugal e tamén da Historia de Lisboa".

Comentarios