A exposición Complexo Colosso-Parte II incorpora máis presenza galega

A mostra de Guimarães é a continuidade da realizada o pasado verán.
Obra de Diego Vites na exposición Complexo Colosso-Parte II (Nós Diario).
photo_camera Obra de Diego Vites na exposición Complexo Colosso-Parte II (Nós Diario).

O Centro Internacional das Artes José de Guimarães (Ciajg) acolle até o mes de febreiro a exposición Complexo Colosso-Parte II, continuación da inaugurada o pasado verán e que, após fechar o 5 de setembro, reinaugurouse en outubro coa incorporación de catro artistas novos dos cales dous son tamén galegos, Diego Vites e Carme Nogueira. 

Ángel Calvo Ulloa, o lalinense comisario da mostra, reincide e continúa na proposta de resignificar a figura da gran escultura atopada en 1873 polo arqueólogo portugués Francisco Martins Sarmento no xacemento do Chã do Ferrujal -na parroquia de Pedralva, en Braga. A obra, de extraordinarias dimensións,  chegou a interesar a unha parte importante da intelectualidade galega en base á proposta de que o achado formaba parte da cultura castrexa. 

O Colosso de Pedralva, como se comezou a coñecer desde a súa aparición, pasou pola peneira investigadora, entre outros, de Fermín Bouza Brey, Florentino López Cuevillas ou Xesús Taboada Chivite

Profundar de maneira indisciplinada no debate

"Na encrucillada de varios relatos, Complexo Colosso é unha exposición que pretende profundar de forma indisciplinada as varias camadas que constitúen este relato, as que alimentaran e cuestionarán a épica, dando forma ao que o Colosso representa hoxe", aplica Calvo Ulloa. 

Nesta segunda parte do proxecto expositivo, Calvo Ulloa convida ao debate a Carla Filipe, Alisa Heil, o colectivo Nova Escultura Galega, Lola Lasurt, Taxio Ardanaz, Jeremy Deller, Gareth Kennedy, Jorge Satorre, Pedro G. Romero, Joaquim Salgado Almeida, Carme Nogueira, Diego Vites, Iratxe Jaio & Klaas van Gorkum e Pizz Buin. 

A idea, segundo o comisario, "tamén apunta unha complexidade que vai alén do debate sobre a orixe do home de pedra, desembocando en aspectos políticos e sociais que revelan unha serie de problemáticas históricas das cales o Colosso é apenas a punta". 

A escultura que dá pé a esta exposición tivo unha traxectoria singular desde que apareceu. Coa morte do seu descubridor en 1899, o debate sobre a súa orixe perde forza nos debates arqueolóxicos. En 1929, a escultura é transferida para o xardín da Sociedade Martins Sarmento onde ficará até 1996, data en que a Câmara Municipal e a propia Sociedade deciden transferila para a Alameda Mariano Felgueiras, nunha rotonda onde permanece até hoxe.

Comentarios