CONTRACULTURA

Roberto Casal (A Fedora): "Imos ter un espazo en Redondela para abrilo á xente que aposta pola creación cultural"

Roberto Casal (Redondela, 1980) é un dos fundadores de A Fedora, conserveira cultural, un espazo que pretende recuperar unha antiga nave industrial da vila redondelá (na comarca de Vigo), tanto para o público como para dar cabida a artistas e proxectos.
O redondelán Roberto Casal é profesor de teatro. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O redondelán Roberto Casal é profesor de teatro. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu a idea de converter a antiga conserveira nun espazo cultural?
Coincidimos catro persoas -Nicolás Edreira, Isaac Millán, Noel Fandiño e eu- que nos dedicamos ás artes escénicas e á música, non só no que respecta á creación, senón tamén aos recursos técnicos (equipos de son ou de iluminación). Falando coa xente do sector, reparamos en que sempre nos faltaban espazos para traballar ou experimentar. Podemos acudir a institucións, que efectivamente ceden espazos de uso público, mais tamén de uso moi limitado. Non podemos experimentar nin traballar ao noso gusto en calquera destes lugares. Entre os catro atopamos este sitio, sen buscalo realmente, mais xa contaba cun nome, unha tradición e unha identidade moi concreta. Chamounos a atención, a pesar de que inicialmente non era a nosa intención.

Con esta conserveira cultural o que pretendemos é facérmonos artífices da nosa cultura. Baixo o meu punto de vista, totalmente persoal, estamos acostumados a acudir a eventos culturais como consumidores, perseguindo o acontecemento e o entretemento. 
Para min, o concepto de cultura debe ir moito máis aló e cremos que hai moito traballo que está por facer. 

—Cal será o día a día deste espazo?
Queremos ter un espazo para poder abrilo á xente que se compromete e aposta pola creación cultural. Por iso tamén pensamos en darlle a forma de asociación cultural, porque significa traballar coa xente e para a xente. O feito de ter unha programación estábel virá dado por esta relación entre artistas, o propio espazo e a xente que vén a ver e a participar destas historias. 

Non podemos aspirar a unha programación ao uso como pode ter un concello porque tampouco contamos cos medios económicos necesarios. É certo que temos un espazo, que para nós é o capital. Como sabemos que hai moita xente como nós que busca algo así, a cambio da cesión do espazo para poder experimentar nel durante 15 días, por exemplo, pode xurdir unha colaboración e un troco para contar cunha sesión aberta para as persoas asociadas. A cultura sempre a fixo a xente a través de prácticas que se van desenvolvendo nas propias contornas. Cremos que aí está a base: facernos donos da cultura. 

—En que punto está actualmente A Fedora?
Estamos no proceso de acondicionar o espazo, obter os permisos e demais. Temos os nosos propios tempos e tamén os que require a propia burocracia, polo que non hai unha data marcada de apertura. A idea do evento de inauguración que tivemos era saciar a curiosidade. Levabamos un tempo traballando e a xente xa comezaba a preguntar. Viamos que se estaba a xerar unha expectativa e pareceunos o momento ideal para facer unha xornada de portas abertas, expresar a nosa idea e ver a recepción que ía tendo o proxecto. E a sorpresa foi grande, xuntouse moita máis xente da que esperabamos e xa hai persoas que se van asociando. 

Creo que é a base fundamental sobre a que se constrúe un proxecto deste estilo, porque senón xa seríamos unha empresa ou unha sala de festas. Por outra banda, xa nos están chegando moitas propostas de artistas que precisamente buscaban un espazo así para finalizar algo no que levan traballando un tempo antes de sacalo ao público. Isto confirma aínda máis a nosa percepción: a necesidade que había dun espazo así na nosa contorna.

Comentarios