Ribeira presenta a primeira edición do Bruón Folk Fest

A sexta feira, día 10 de maio, inaugurarase o festival cunha mesa redonda sobre a lenda do Boi Bruón, para posteriormente rematar cunha foliada libre na que participarán grupos de toda a comarca do Barbanza.
Presentación do Bruón Folk Fest.
photo_camera Presentación do Bruón Folk Fest.

O Bruón Folk Fest, organizado pola asociación cultural Os Liantes en colaboración co Concello de Ribeira, celebrará a súa primeira edición os vindeiros 10 e 11 de maio no Centro Recreativo de Artes.

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez e os concelleiros Francisco Suárez-Puerta e Antía Alberte presentaron xunto a Pablo Silva e Ventura Otero, da asociación organizadora, o festival, cuxo nome, segundo explicou o rexedor, fai referencia á lenda do Boi Bruón, que quedou atrapado nunha vila asolagada no Carregal.

"Neste festival non só vai ter cabida a música, senón tamén a poesía e actividades para todas as franxas de idade, intentando que sexa unha experiencia inmersiva para toda a familia", puxo de manifesto o alcalde. "Con este festival pretendemos descentralizar as actividades culturais do Concello e pór en valor a música do noso país; e que mellor que facelo nunha parroquia rural como é Artes, cunha longa tradición musical" concluíu o alcalde.

A concelleira de Cultura, pola súa parte, destacou a elección de enmarcar o festival no mes das Letras Galegas, ampliando así o programa cultural do Concello de Ribeira.

 

Programa

A sexta feira día 10 inaugurarase o festival cunha palestra sobre a lenda do Boi Bruón, para posteriormente rematar cunha foliada libre na que participarán grupos de toda a comarca. Para a segunda xornada, no día 11, están programadas as actuacións de grupos como Boroa, Isidro Vidal, as Maianas ou Habelas Hainas. "Tamén haberá actividades paralelas como exposicións de pintura de artistas locais e sesións de micro aberto", explicou Ventura Otero, quen engadiu que contarán coa colaboración da tik-toker Prado Rúa, que axudará coa difusión do festival.

 

Comentarios