Cinema

O Festival Internacional de Curtas de Verín xa ten datas para a IX edición

Membros da Asociación Cultural Vía XIV, que promove o FIC, mantiveron unha xuntanza con representantes do Teatro Experimental Flaviense para concretar a colaboración e estabelecer sinerxías entre os dous certames.
Carlos Montero, director do FIC, e Alex Nieves, responsábel de Produción,cos representantes do festival Entre Curtas de Chaves: Pedro Freitas (director) e Alexandra Martins (presidenta do TEF).
photo_camera Carlos Montero, director do FIC, e Alex Nieves, responsábel de Produción,cos representantes do festival Entre Curtas de Chaves: Pedro Freitas (director) e Alexandra Martins (presidenta do TEF).

O Fic Vía XIV de Verín xa ten datas para a celebración da súa IX edición, unha convocatoria que chegará "cargada de novidades que se irán anunciando paseniñamente", tal e como salienta o seu director, Carlos Montero. En concreto, o festival vaise desenvolver entre o 29 de agosto e o 8 de setembro coa idea de que a súa programación paralela "abranga dúas fins de semana e impactar así no maior número de persoas posíbel", engade Montero.

Como primeiro fito máis representativo da axenda de actividades da Asociación Cultural Vía XIV, que promove o certame, destaca a colaboración que se vai manter co recén creado Festival Entre Curtas de Chaves.

Neste sentido, o FIC Vía XIV de Verín vai apadriñar a edición deste novo festival, que comeza a andar na vila lusa, e para iso vanse poñer en marcha iniciativas de colaboración e estabelecemento de sinerxías entre os dous espazos culturais. Así se acordou nunha xuntanza recente mantida polos integrantes da Asociación Cultural Vía XIV con membros do Teatro Experimental Flaviense.

Recepción de curtas a concurso

A organización do FIC Vía XIV de Verín admite a recepción de curtas a concurso até o vindeiro 1 de xuño (data limite ampliada para a súa achega a través da plataforma Festhome, á que se pode acceder desde a web do festival). Como sempre, o festival agarda atraer até o Auditorio da vila "os mellores traballos que se teñan desenvolvido recentemente en formato curtametraxe, así como a un bo número de directores", afirman dende a organización.

As actividades paralelas que se están a planificar van ser "de calado" e, por iso, máis que nunca "animan a toda a poboación de Verín e contorna a estar atentos á comunicación dos diferentes fitos informativos que se irán facendo públicos".

Comentarios