Os recunchos de Vigo serán a meta dun itinerario polo imaxinario de Xela Arias

A escritora Susana Sánchez Arins guiará a ruta -organizada pola Deputación de Pontevedra- prevista para o 31 de outubro. Esta homenaxe á autora á que se dedican as Letras Galegas de 2021 finalizará cunha actuación na que se musicarán algúns dos seus poemas. As prazas para participar na actividade precisan de reserva previa.
Imaxe publicitaria empregada pola Deputación pontevedresa. (Foto: Nós Diario) #xelaarias #poeta #letrasgalegas
photo_camera Imaxe publicitaria empregada pola Deputación pontevedresa. (Foto: Nós Diario)

A escritora Susana Sánchez Arins, a obra de Xela Arias e a Deputación de Pontevedra propón ir canda elas camiñando polos recunchos de Vigo que puideron ser a orixe das creacións da homenaxeada das Letras Galegas deste ano. Malia que o paseo pola escrita de Arias é “imaxinario”, ou quizá é máis real do que parece, fará por achegar á comprensión do traballo da autora. 

O itinerario, que vai comezar na fonte do Castro o próximo 31 de outubro, aínda ten prazas  dispoñíbeis e permitirá homenaxear Xela Arias cunha proposta diferente que decorrerá entre as 11 e as 13 horas. 

Tan diferente será que a idea é ir completando paradas pola cidade. Abrindo e fechando etapas na escrita da protagonista, cunhas chaves que se encargará de fornecer a tamén escritora (e docente) Susana Sánchez Arins

“Este paseo imaxinario (ou non) é unha versión fantasiosa das rutas biográficas. Esixe por parte das persoas participantes a capacidade de viaxar a outros lugares, xa que o espazo no que se desenvolve non deixa de ser unha metáfora doutros moitos”, destacan fontes da Deputación, que promove esta lectura figurada que transfire sensacións. 

A ruta ten a súa orixe na Poesía reunida (1982-2004) de Xela Arias para ir paso a paso polo Castro de Vigo a modo de metáfora, “porque podería haber tantos paseos imaxinarios (ou non) coma lectoras e lectores ten a obra”. 

Na primeira meta a lograr na mañá do domingo día 31, a escavación do Castro, pénsase nun lugar do aquelarre das bruxas, unha reflexión que vinculan ao verso “a muller que trataban por bruxa” na páxina 16 da escolma de poemas. “E como as bruxas no aquelarre, aprendeu Xela o poder do conxuro, das palabras imperativas que ela lles dirixía ás lectoras, para que elas se achegasen á poesía”, algo a detectar en “Cristal”, na 386, 370 pasos de papel máis alá.

A visión sobre o porto de Vigo, onde está previsto facer outra parada, fornece a reflexión sobre o arquivo da biblioteca da Fundación Penzol e sobre o primeiro fanzine de Arias, que deixou nun banco “porque a Xela gustáballe procurar as lectoras na rúa, e non na butaca azul, coma unha deusa sentada nel”. 

A cuarta parada será entre as árbores, case como xogando ás agachadas coa obra, pois “os carballos, os lagartos, as congostras escuras e a auga que escorrega nas fervenzas fan parte da memoria persoal da poeta...”. E así até chegar aos galeóns de Rande, onde Pablo Vidal ponse ao piano e con Clara Pino dá música a Xela Arias.

Comentarios