venres 24/09/21

Bruno Arias: "Xela é máis que un recordo fugaz ou unha referencia: é persoa, con todos os matices"

Bruno Arias vén de recibir unha axuda ao talento por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais para a produción dun filme documental sobre a súa tía, a poeta Xela Arias, homenaxeada polas Letras Galegas en 2021. A unidade componse da desorde, que recibe o seu nome dos dous primeiros versos dun poema de Xela, reconstrúe a súa historia a través das múltiples pezas que a compuxeron. É o primeiro filme de Bruno Arias, o que lle dá un cariz emocional e laboral a todo o seu traballo.
Bruno Arias dirixe o seu primeiro filme tras rematar a carreira. (Foto: Miguel González) #cineasta #documental #filme #brunoarias #xelaarias #poeta
Bruno Arias dirixe o seu primeiro filme tras rematar a carreira. (Foto: Miguel González)

-Descubriu algo da vida de Xela Arias durante a investigación para o documental que lle sorprendera?

Atopei moitas pequenas cousas curiosas. O que máis definiu o proceso de documentación foi o cambio de perspectiva. Eu coñecía de Xela o que contaban dela nas homenaxes e os datos soltos que recollín en reunións familiares diversas, pero non chegara a sentar con ninguén para preguntarlle sobre o que descoñecía. Atopei a escusa perfecta para atallar ese proceso persoal. E neste proceso vexo que era unha persoa moi profunda e da que todo o mundo ten moito que dicir. Noto que Xela é máis que un recordo fugaz ou unha referencia: É persoa, con todos os matices que as persoas temos, imposíbeis de reducir a unha única peza.

-É difícil facer un filme sobre alguén que é á vez familiar e personaxe recoñecida?

Penso que lle engade moitas máis capas de complexidade porque toca máis no interior dun mesmo. Todo se reduce a medir entre figura pública e persoa. O que a xente pensa de nós tamén nos constitúe. E constitúe a nosa memoria cando marchamos. Precisamente cando non estamos é cando se dilúen as fronteiras entre o que foi e o que cadaquén interpretou no seu tempo. Nun ano coma este era de esperar que se tecese arredor de Xela un imaxinario determinado. Esa imaxe que existe sobre ela coincide ás veces coa visión de quen a coñeceu, pero ás veces é contraditoria. Na casa teño persoas, obxectos e recordos que a tiveron perto. Compor na miña cabeza unha imaxe obxectiva entre iso e o que atopo noutras fontes non resulta fácil.

-É o primeiro filme que dirixe, por que decidiu que fose unha homenaxe a Xela?

Xela e o meu avó Valentín foron dúas persoas nas que me fixei moito mentres medraba. Eles dous configuráronme. Sempre tiven a intención de explorar iso e, no caso de Xela, facer ese traxecto de descuberta que me quedou pendente. Facelo así non foi unha decisión consciente porque nunca contara con ter a oportunidade de desenvolver un proxecto tan ambicioso, pero este ano parecía o momento e a xente que teño perto empurroume moito. Especialmente Lucía Ramiro, Bea Villar e Miguel González, as tres persoas coas que máis dores de cabeza compartín nestes meses.

Cal foi a reacción da súa familia cando lles dixo de que ía o filme?

Impecábel, axúdanme en todo o que poden. Descubriron o proxecto ao mesmo tempo ca min, porque das intencións que tiña ao comezo ás que teño agora mudou moito. A parte emocional atopou o seu espazo no filme, así que a dispoñibilidade absoluta de cada persoa da familia é unha axuda imprescindíbel. Miña avoa, meus tíos, meu pai, meu primo Darío, meu irmán e calquera persoa á que me acheguei para preguntar ou para simplemente expor o que quería facer están poñendo en todo isto moito máis do que son conscientes.

-Pensa que se apoia o suficiente o talento artístico novo na Galiza?

Veño de recibir unha axuda que é determinante para o meu proxecto e que agradezo moito, así que me considero unha persoa con moita sorte. Pero tamén penso que a ninguén se lle escapa que traballar no sector artístico neste país é moi difícil. Por se fose pouco, a xestión da pandemia respectou moi pouco o mundo cultural, así que a esa inestabilidade inherente hai que sumarlle unha serie de inseguridades novas que non axudan. Penso que unha cultura nacional é madura cando se inviste nela como ben público e esa é a responsabilidade social das nosas institucións. Coido que hai moito por percorrer nesa liña. 

Bruno Arias: "Xela é máis que un recordo fugaz ou unha referencia: é persoa, con todos...
comentarios