Rafael Fernández Lorenzo faise co premio Raíña Lupa de literatura infantil

A obra 'As pedras verdes' é a gañadora cunha historia que aborda a conquista de América desde un punto de vista pouco habitual.

Rafael Fernández Lorenzo.
photo_camera Rafael Fernández Lorenzo.

O XVII Premio "Raíña Lupa" de literatura infantil e xuvenil convocado pola Deputación da Coruña xa ten gañador: o escritor cangués Rafael Fernández Lorenzo coa obra As pedras verdes, unha novela que conta a conquista de América desde un punto de vista pouco habitual cun relato no que a violencia, a vulnerabilidade e o medo son tamén temas centrais. 

 O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, estivo composto por autoras e autores cunha recoñecida traxectoria na creación literaria en lingua galega como Tamara Andrés, Elvira Ribeiro, Miguel López (El Hematocrítico), Arancha Nogueira e o gañador da última edición, Lois Pérez e, como secretaria, a xefa do servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat. 

 O xurado tamén salientou da obra premiada o tratamento da diversidade lingüística e a creación dun mundo propio para achegar ao lector unha cultura indíxena de ultramar a través dun exercicio literario evocador. 

Rafael Fernández Lorenzo é escritor e colabora en diversos medios con artigos de creación e crítica literaria. A súa obra está traducida ao éuscaro, portugués, catalá e castelán. O premio que acaba de recibir está dotado con 6.500 euros ademais da publicación da obra.  

Un premio con 25 anos

O premio de literatura infantil e xuvenil  da Deputación da Coruña naceu en 1998, ha vintecinco anos, e tivo como primeiro gañador a un dos referetes da LIX na Galiza e no resto do Estado: Agustín Fernández Paz. Desde entón, gañaron o Raíña Lupa autores e autoras de referencia como Andrea Maceiras, Xosé A. Neira Cruz, Marilar Aleixandre, Héctor Cajaraville ou An Alfaya. 

Comentarios