Marilar Aleixandre gaña o Premio Nacional de Narrativa 2022 por 'As malas mulleres'

O xurado destacou da obra a súa "orixinal estrutura híbrida".
A escritora Marilar Aleixandre, coa obra 'As malas mulleres'. (Foto: Arxina)
photo_camera A escritora Marilar Aleixandre, coa obra 'As malas mulleres'. (Foto: Arxina)

A escritora Marilar Aleixandre converteuse onte na gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2022, concedido polo Ministerio de Cultura e Deporte. A obra pola que foi galardoada é As malas mulleres (2020), pola que tamén obtivo o Premio Blanco Amor 2020.

O xurado do certame destacou da obra a súa "orixinal estrutura híbrida", que a converte nunha "singular novela histórica sobre a situación carceraria das mulleres no século XIX".

Por outra parte, tamén salientou que As malas mulleres "recupera a memoria dunha forma brillante en diálogo coa tradición literaria. Un coro de voces femininas de diversas clases sociais introduce elementos da poesía popular e a cultura oral".

Finalmente, o xurado puxo en valor que "a autora incide nas desigualdades e á vez ofrece unha ollada esperanzadora".

Marilar Aleixandre en 'Sermos Galiza'

Precisamente, Marilar Aleixandre foi entrevistada para o semanario de Nós Diario, Sermos Galiza, por As malas mulleres. Na conversa entre a escritora e a xornalista Mar Álvarez, Aleixandre explicou que redactou a obra durante os primeiros meses de confinamento pola pandemia da Covid-19.

"Levaba bastante tempo sen escribir narrativa para adultos. Sentía que tiña dúas voces competindo na miña gorxa, unha que quería escribir sobre pensamento crítico e outra sobre literatura", explicaba a gañadora do Premio Nacional de Narrativa 2022.

Sobre o seu vínculo co mundo das letras, Aleixandre explicou como a súa nai foi quen lle ensinou a ler cando tiña tres anos.

"Morreu moi nova; co tempo souben que escribía poemas que sempre rompía. Ela educoume a min e a meus irmáns en igualdade, sempre nos dicía que podiamos facer o mesmo que os rapaces e que poderiamos estudar", afirmaba.

Mestra e columnista

Nada en 1947 en Madrid, obtivo a cátedra do Instituto de Ciencias Naturais e foi profesora de Bioloxía, tanto en varios institutos galegos como na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ademais de como escritora, Marilar Aleixandre leva moitos anos vencellada ao mundo das letras como columnista en diversos medios, entre eles Nós Diario; e como colaboradora en revistas literarias.

Comentarios