Lois Pérez gaña o XVI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil

A súa obra, 'A tribo do mar', foi seleccionada polo xurado por "enfiar diferentes voces para amosar un relato que recolle a realidade actual da emigración".
O autor gañador da edición deste ano do 'Raíña Lupa', Lois Pérez. (Foto: Alba Díaz)
photo_camera O autor gañador da edición deste ano do 'Raíña Lupa', Lois Pérez. (Foto: Alba Díaz)

O xurado do XVI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña, vén de elixir gañador o escritor Lois Pérez, autor detrás da plica da obra escollida, A tribo do mar, presentada co lema 'Ouh licor de páncreas augamel'.

O xurado salientou que a obra gañadora está conformada "por diferentes voces que se enfían para amosar un relato que recolle a realidade actual da emigración", segundo explicaron após facer público o seu veredicto esta segunda feira.

Tamén salienta que A tribo do mar está narrada "cun estilo áxil e atractivo para o público xuvenil ao que vai destinada". O xurado estivo composto pola gañadora da anterior edición, Andrea Maceiras, e máis polas autoras Fina Casalderrey, Antía Yáñez, Erica Esmoris e Marcos Calveiro. O deputado responsábel de Cultura, Xurxo Couto, presidiu o xurado, que tamén contou coa presenza da comisaria dos premios literarios da área de Cultura, Susana Pedreira.

Neste certame foran seleccionadas para pasar á final, canda A tribo do mar, as obras tituladas Rolando un fío resistente, que concorreu baixo o lema 'Pereiro', Escola de bruxas, de 'Cretáceo'; Nave, de 'Néboa'; Pernascochas, de ídem; Rara Avis, de 'Raposo'; Cinema avenida, de 'Ruth-Anne Miller'; Ánxela e Spencer, de ídem, e A botella de lentellas, de 'Alba Recunqueira'.

Este certame literario naceu "coa vontade de fomentar a creatividade literaria dirixida ao mundo dos máis pequenos e de facer memoria desta personaxe de lenda vinculada ás terras de Compostela".

A edición anterior foi parar a Andrea Maceiras Lafuente por Que se me pare o corazón se te esquezo, mentres en 2020 gañou Xosé Antonio Neira Cruz, con O enigma de Santiago, e no ano anterior, 2019, Valentín Alvite Gándara, por Antía e Daren.

Comentarios