CONTRACULTURA

Arancha Nogueira: "Parece que hai unha fronteira social, cultural e de desinterese entre Galiza e Portugal"

Arancha Nogueira recibiu o Premio Ari(t)mar de Poesía.
A escritora e profesora de Lingua Galega e Literatura, Arancha Nogueira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A escritora e profesora de Lingua Galega e Literatura, Arancha Nogueira. (Foto: Nós Diario)

Arancha Nogueira é a autora de Antese, un poemario galardoado co XIII Premio Victoriano Taibo. Agora, un dos poemas que contén, "Mamá fala en linguaxes de documentos predeterminados", vén de recibir o Premio Ari(t)mar a Mellor Poesía do Ano 2022 na Galiza. 

Como recibe este galardón?

Por unha parte, supón un recoñecemento a unha obra que xa foi publicada no 2021. Para unha autora, ou polo menos no que a min respecta, é moi grato porque ás veces parece que as obras que escribimos pasan rapidamente de moda. Como que teñen o seu momento de que todo o mundo as coñeza e posteriormente, polos ritmos da industria editorial, deixan de estar no foco. Paréceme que este tipo de premios, dalgunha maneira, desafían estes ritmos frenéticos e a mercantilización. Tamén me pon moi contenta este recoñecemento en concreto, porque parte do profesorado das Escolas Oficiais de Idiomas da Galiza, mais despois é a xente quen escolle a persoa gañadora, o cal significa que tamén houbo unhas cantas persoas que estiveron votando polo meu poema. Estou moi agradecida á organización, non só polo premio, senón porque creo que fan un labor moi necesario para achegar as culturas de ambas beiras do Miño. É un pouco triste e di bastante da nosa sociedade e de cara onde van os apoios institucionais que haxa tan poucas iniciativas que intenten facer isto. Sei a ciencia certa que desde Portugal se descoñece bastante o que estamos facendo aquí e nós tamén descoñecemos moito do que acontece alí. Parece que hai unha fronteira social, cultural e de desinterese institucional máis grande que a propia fronteira física. Por iso valoro moito o esforzo de Ari(t)mar, que levan desenvolvendo desde hai varios anos con moito éxito e, para min, con moito gusto. Agardo que poida seguir así coa mesma forza ou máis, se cabe.  

Que cre que puido facer que a xente votara por este poema en concreto?

O certo é que estou bastante sorprendida de que gañara o certame porque creo que é un poema que se entende moi ben inserido dentro do conxunto de Antese. O poemario ten unha historia que vai avanzando de modo cronolóxico en tres meses, que en principio son eses tres meses de confinamento que vivimos en 2020, e hai unha voz poética que entendemos que é unha filla que por estas circunstancias debe convivir coa súa nai, que representa outra xeración e outra forma de facer as cousas. A medida que vai avanzando o poemario as dúas se van atopando en certos lugares comúns, mentres aprenden tamén a respectar e a valorar as súas diferenzas, fundamentalmente no que respecta á comunicación. Como digo, chamoume a atención porque creo que non é un poema tanto para ler solto como para comprendelo dentro dunha narrativa. Con todo, si que creo que pode ser que reflicta ben o espírito de todo o libro, como unha sorte de resumo de toda a obra, e tamén que a xente que votou este poema quizais coñecía previamente Antese e por iso o votou. En calquera caso, ponme moi contenta. 

Despois de ter superado a época de pandemia, que lectura fai agora da obra?

Non me preocupa demasiado que teña un referente tan claro agora que xa non a estamos vivindo. Son unha firme defensora de que a poesía ou a arte en xeral pode ter diferentes obxectivos, mais un dos meus desde logo é reflectir o momento presente, ser unha especie de fotografía do que estamos vivindo en cada momento, no aquí e agora. Por iso non me preocupa que poida quedar desfasado ou que non chegue a comprenderse porque para min reflicte o que tiña que reflectir nese momento. Por outra parte, creo que tamén é unha mostra de sentimentos e situacións moi universais. A pandemia pode non estar presente agora mesmo, afortunadamente, mais si que hai outras cousas como o que comentaba antes: a aprendizaxe entre mulleres de distintas xeracións, como aprenden a comunicarse e incomunicarse... Digamos que empreguei como recurso a pandemia, mais creo que realmente poden ser elementos comprendidos desde calquera momento, co cal non me preocupa ter esa referencia.

Comentarios