Patricia de Lorenzo, Tito Asorey e Xosé A. Touriñán despedirán a 31ª edición do FIOT de Carballo

Recortes, caneos e outras formas de driblar fechará o Programa de Sala do FIOT.
'A vontade de crer', de Pablo Meissez. (Foto; Laia Nogueras)
photo_camera 'A vontade de crer', de Pablo Meissez. (Foto; Laia Nogueras)

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo, despedirá esta fin de semana a súa 31ª edición. Juan Mayorga, Blanca Portillo, Grupo Chévere e Patricia de Lorenzo, Pablo Messiez, Tito Asorey e Xosé A. Touriñán serán algúns dos persoeiros do panorama teatral galego e estatal que se darán cita no feche do evento.

Esta sexta feira, 28 de outubro, Patricia de Lorenzo presentará a súa conferencia performativa Pequenas mentiras para contar grandes verdades, un traballo no que aborda, a partir do proceso de construción dos distintos papeis que interpretou co Grupo Chévere, “como é a representación de personaxes que, na meirande parte das ocasións, actúan como subalternas e reproducen os imaxinarios do poder”.

De Lorenzo expón como o traballo de actriz pode ser “un modelo de resistencia e testemuño real da xente anónima que nunca é protagonista”.

Ao día seguinte, 29 de outubro, será a quenda de A vontade de crer, unha coprodución de Buxman Producciones e do Teatro Español escrita e dirixida por Pablo Messiez. A obra iniciará en Carballo  súa xira estatal. A vontade de crer inspírase na película Ordet, de Carl Theodor Dreyer, quen á vez adaptou a obra A palabra, de Kaj Munk.

Feche do FIOT

O domingo 30, a actriz Blanca Portillo representará Silencio, do dramaturgo Juan Mayorga, un dos autores vivos máis representados e a quen se lle outorgou estes días o Premio Princesa de Asturias das Letras; galardón que se suma ao Premio Nacional de Teatro (2007) e ao Premio Nacional de Literatura Dramática (2013).

Silencio toma como referencia o discurso de ingreso de Mayorga na Real Academia Española, un texto que o dramaturgo converteu en teatro e no que “pon de manifesto o valor do tempo e do silencio”.

A última función do Programa de Sala deste 2022 decorrerá o 31 de outubro. Chegará da man de Tito Asorey, Xosé A. Touriñán e Ainé Producións, en coprodución co Centro Dramático Galego.

Baixo o título Recortes, caneos e outras formas de driblar, que parte dun texto do xornalista Nacho Carretero e que conta con dramaturxia de José L. Prieto, a obra fará a primeira parada da súa xira en Carballo.

Comentarios